SanidadeÚltima hora

Máis de 200 urxencias relacionadas cos lumes, 62 delas no Barco, atendidas na área sanitaria ourensá

As causas máis frecuentes das consultas foron a inhalación e intoxicación por fume, queimaduras e traumatismos, casos de irritación ocular e corpos estraños nos ollos, xunto con episodios de ansiedade e desorientación.

Imaxe do PAC de Trives./ Cedida.

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras rexistraba un total de 208 asistencias sanitarias directamente vinculadas cos incendios forestais acontecidos entre o 11 e o 26 de agosto.

A maior parte destas atencións realizáronse nos Puntos de Atención Continuada (PACs), que sumaron máis de 120 casos. Destacou o PAC do Barco de Valdeorras, con 62 asistencias, seguido do PAC de Verín, con 56. Pola súa banda, os servizos de urxencias hospitalarias atenderon arredor de 80 casos, sendo o Hospital Público de Valdeorras e o Hospital de Verín os máis activos, con 17 e 31 asistencias respectivamente.

As causas máis frecuentes das consultas foron a inhalación e intoxicación por fume, acompañadas de cadros de dificultade respiratoria, así como queimaduras e traumatismos derivados da loita contra o lume e das tarefas de evacuación. Tamén se atenderon numerosos casos de irritación ocular e corpos estraños nos ollos, xunto con episodios de ansiedade e desorientación en persoas afectadas.

No relativo ao perfil dos pacientes, a atención sanitaria abarcou desde nenos e adolescentes ata persoas de idade moi avanzada, incluíndo maiores de 90 anos. Non obstante, a franxa máis habitual situouse entre os 30 e os 60 anos, tanto en poboación xeral coma en brigadistas e bombeiros implicados nas tarefas de extinción.

Ademais da atención clínica, a resposta sanitaria á emerxencia viuse reforzada grazas a un dispositivo de telecomunicacións sen precedentes que permitiu manter a poboación informada e os servizos sanitarios conectados en todo momento.

Para informar dos cambios organizativos e reducir desprazamentos innecesarios enviáronse máis de 35.000 SMS á cidadanía dos concellos afectados.

A planificación e reorganización da asistencia nos centros sanitarios afectados foi determinante para asegurar que ningún paciente quedara sen atención, malia os graves danos que o lume ocasionou na rede eléctrica e nas comunicacións. Para restablecer os servizos, a Xunta despregou un operativo tecnolóxico e loxístico sen precedentes:

Instaláronse 14 antenas satélite Starlink nos hospitais públicos de Valdeorras e Verín, así como en centros de saúde de Trives, Verín, Viana do Bolo, A Rúa, O Barco, Vilardevós, A Mezquita, Ribadavia, A Veiga, Laza, Larouco e Manzaneda.

Mobilizáronse 57 profesionais de Telefónica, que traballaron día e noite para repoñer servizos destruídos polo lume, entre eles tramos de fibra óptica e centrais de 5G que daban soporte á rede cidadá e aos centros sanitarios.

Despregáronse máis de 80 quilómetros de nova fibra óptica, colocada en condicións extremadamente difíciles —por cunetas, montes e mesmo pola rede ferroviaria— para devolver a conectividade a hospitais e PACs.

Activáronse 5 unidades de conectividade satelital para estacións base que quedaran incomunicadas, e 4 unidades móbiles para reforzar a cobertura de redes telefónicas nas zonas máis afectadas. Ademais, 4 grupos electróxenos móbiles permitiron manter a estabilidade enerxética das centrais e evitar cortes de servizo.

Este operativo fixo posible que, a pesar da emerxencia, a atención sanitaria se prestase con normalidade nos hospitais, PACs e centros de saúde da provincia.

A Dirección da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras agradece o labor e a implicación dos profesionais sanitarios, así como a colaboración dos equipos de emerxencias, protección civil, brigadistas, bombeiros e persoal técnico de telecomunicacións, que fixeron posible dar unha resposta inmediata e eficaz nun contexto extraordinariamente difícil.

Back to top button