SanidadeÚltima hora

Máis de 3.000 nenos vacinábanse na provincia nas 3 primeiras semanas da campaña da gripe

Unha vez rematado o programa piloto nos colexios a vacinación dos nenos e nenas de 6 meses aos 11 anos continúa a desenvolverse en todos os centros de saúde

 

Nas súas tres primeiras semanas de desenvolvemento, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras acada xa o 21,67% de cobertura entre os nenos e nenas obxectivo da campaña de vacinación infantil de Gripe que mantén aberta a citación nos centros de saúde, e tamén permite que as familias que non acudiron na súa quenda poidan solicitar cita coa enfermeira de pediatría, ata o remate da campaña o 31 de decembro.

Parte dos 4.300 nenos e nenas vacinados en Ourense no que vai de campaña, o fixeron no seu colexio, na pilotaxe realizada en dez centros educativos da provincia, onde se administrou a vacina intranasal a 1.300 rapaces ata o remate desta fase, o pasado 24 de outubro. Unha fórmula “sen agullas” que facilita a aceptación entre os máis pequenos.

En Ourense esta iniciativa deseñouse como unha xornada educativa e lúdica, no marco da programación de saúde comunitaria, que se ven desenvolvendo ao longo de todo o ano nos Centros de Saúde, colexios ou centros sociais. O persoal dos equipos de vacinación deseñou unha campaña informativa adaptada aos pequenos e as súas familias, contactando previamente mediante unha carta, animando a que os rapaces viñeran cos seus peluches favoritos, e practicáronse xogos sobre a vacina intranasal: “a que ule a túa vacina?”.

Carné de loita contra os bichos

Tras a vacinación, cada neno e nena recibiu o seu xa tradicional “Carné de superheroe ou superheroina contra os bichos”. Igualmente, no período de espera posterior á vacinación, realizáronse en cada centro escolar obradoiros de educación sanitaria, adaptados por idades como Matilda no cole; Pupas, sustos e outros desgustos; Hixiene de mans ou Revolución Teenager.

Desde a dirección de enfermería da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras quérese agradecer especialmente a colaboración dos equipos directivos, profesorado e persoal dos colexios participantes na pilotaxe, pola súa dispoñibilidade e apoio durante todo o proceso, facendo posible que a experiencia resultase o máis positiva para os nenos, as familias e o os equipos de vacinación .

A campaña continúa agora nos centros de saúde, onde todos os nenos e nenas de entre 6 meses e 11 anos están a ser citados pola súa enfermeira de pediatría. Ademais, aqueles que non se vacinaron durante a pilotaxe, ou non puideron acudir no día asignado, poderán solicitar cita alternativa ata o remate da campaña, o 31 de decembro.

Por qué deben vacinarse os nenos e nenas?

A Xunta de Galicia inclúe desde hai anos no seu calendario de inmunización ao longo de toda a vida a vacina da gripe infantil, en liña coas indicacións e consenso da OMS e das sociedades científicas, entre as motivacións principais: A gripe é unha ameaza constante para a poboación independentemente da súa idade. Ademais a incidencia da gripe nos nenos é moi alta, ata 3 ou 4 veces máis que nos adultos.

Os nenos son os principais transmisores da gripe, xa que liberan máis virus e durante máis tempo que os adultos. Así, e sobre todo en idade escolar, os nenos e nenas son o principal mecanismo de transmisión e diseminación da enfermidade, propagándoa entre os da súa idade así como ás persoas maiores e adultos da súa contorna, que son os que lles coidan cando están enfermos.

Dous de cada tres nenos hospitalizados por gripe son en xeral sans e sen factores de risco. Asemade ao contrario do que se pensa, segundo a Asociación Española de Pediatría a taxa ou porcentaxe de nenos hospitalizados por gripe grave superan ano tras ano á dos maiores de 65 anos.

As persoas maiores teñen máis facilidade para sufrir unha forma grave da enfermidade, non si a vacinación infantil fronte á gripe demostra ser unha medida eficaz para diminuír a morbi-mortalidade no resto da poboación, incluídos os colectivos máis vulnerables. Por iso vacinando ao neno, protéxeselle individualmente a el fronte á gripe e as súas complicacións e, a título colectivo, á súa contorna familiar e escolar.

Back to top button