CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Máis de 50M€ para modernizar os centros educativos da provincia con 330 actuacións

Este ano a Xunta de Galicia impulsa 60 obras en colexios e institutos para adaptalos ás necesidades do século XXI cun investimento de 5M€

Visita do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP ao IES Chamoso Lamas do Carballiño, un dos centros que se están ampliando.

 

Os centros educativos da provincia de Ourense están experimentando unha gran modernización a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta da Xunta de Galicia que dá pulo á renovación de colexios e institutos co obxectivo de adaptalos ás novas necesidades do ensino do século XXI. Este plan, desde a súa posta en marcha no ano 2021, inclúe 330 actuacións na provincia de Ourense cun investimento que supera os 50M€. Este ano, concretamente, o Goberno galego impulsa 60 obras cun investimento total de 5M€.

Actualmente están en marcha oito intervencións de gran envergadura, que inclúen ampliacións e reformas estruturais. Ademais, os meses de verán aproveitáronse para realizar outras 52 melloras de menor entidade, centradas principalmente en traballos de mantemento e reparación, que se reparten en 27 concellos da provincia cun orzamento de máis de 500.000 euros.

Entre as obras que están en execución e con continuidade prevista nos próximos meses, a Xunta conta cun investimento de 4,7M€ para eses oito proxectos de maior calado. Destacan as ampliacións do Instituto Manuel Chamoso Lamas no Carballiño cun orzamento de 2,3M€, do Instituto Blanco Amor, en Ourense, por 1M€ e a do Colexio Padre Crespo de Xunqueira de Ambía con 355.000 euros, así como a renovación da cuberta do Colexio Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso, na Pobra de Trives, cun investimento de case 600.000 euros.

Os concellos do este ourensá

Máis alá das actuacións que se están a realizar neste 2025, a Xunta tamén ten traballado en centros educativos do este ourensá co fin de convertelos en espazos modernos e adaptados ás necesidades actuais.

Unha das actuacións máis destacadas foi a rehabilitación integral do Colexio Manuel Respino, na Rúa, cun orzamento de máis de 613.000 euros. Esta actuación consistiu na mellora da eficiencia enerxética do centro e facilitar a súa accesibilidade.

Ademais, a Consellería de Educación tamén realizou melloras sectoriais no Colexio Plurilingüe Virxe do Camiño, en Rubiá. Cun orzamento de case 238.000 euros, realizouse a substitución de fiestras e de cubertas, a remodelación de aseos e o acondicionamento do patio cuberto.

O Instituto Lauro Olmo, no Barco de Valdeorras, tamén destaca pola instalación fotovoltaica que se realizou por máis de 30.000 euros, así como o Instituto Xermán Ancochea Quevedo, na Pobra de Trives, onde aínda están estes traballos en execución cun orzamento de case 30.000 euros.

Plan de nova arquitectura pedagóxica

A través do Plan de nova arquitectura pedagóxica, cun orzamento de preto de 500M€, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP está a renovar e modernizar os centros educativos ante as necesidades do novo ensino do século XXI, con espazos máis amplos, versátiles, flexibles e multidisciplinares.

Esta folla de ruta do Goberno galego inclúe a construción de novos centros, ampliacións e obras de eficiencia enerxética, con actuacións como cambios de cuberta, illamento térmico das fachadas, renovación de fiestras, instalación de placas fotovoltaicas e centrais de biomasa, falsos teitos e luminarias ou melloras na accesibilidade (colocación de ascensores, construción de ramplas…).

Ademais, execútanse obras de pequena e mediana envergadura orientadas a mellorar as instalacións dos centros e os seus servizos. Abrangue desde tarefas de pintado ata reformas de aseos, pequenas melloras de accesibilidade, arranxos de patios ou obras de humanización, entre moitas outras.

 

Back to top button