DeportesÚltima hora

Máis de 60 deportistas de 13 nacionalidades participarán no Campionato de España de Parapente de Precisión, na Serra do Larouco

Celebrarase do 31 de xullo ao 3 de agosto na Xironda, no concello de Cualedro

 

Na mañá deste mércores 23 de xullo o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistía á presentación do Campionato de España e Galicia de Parapente de Precisión que terá lugar na Xironda, no concello de Cualedro, aos pés da Serra do Larouco, do 31 de xullo ao 3 de agosto, co apoio da Xunta.

O mandatario galego destacou o “bo traballo” que está a facer a Federación Galega de Aeronáutica, así como o Club Voolarouco, que xa en 2024 organizou o Campionato de España de Parapente XC (distancia libre), sendo a primeira ocasión na que Galicia acollía este evento e, neste 2025, repite organizando de novo o nacional da disciplina pero neste caso na especialidade de precisión.

Neste sentido, Lete Lasa enxalzou as características topográficas da provincia de Ourense que a converten nun lugar idóneo para a práctica deportiva ao aire libre. No caso do parapente, salientou algunhas das montañas ourensás e, sobre todo, a Serra do Larouco que ten ao Concello e Cualedro e á súa parroquia da Xironda aos seus pés, converténdoos nun auténtico “polo de turismo activo”.

O secretario xeral para o Deporte destacou as preto de 500 licenzas deportivas da Federación Galega de Aeronáutica e, nomeadamente, a Daniel Rizo, deportista galego de alto nivel que en 2023 proclamouse campión de España de XC na categoría serial. Lete Lasa animou a todos os galegos que participarán no campionato que xa conta con 60 inscritos de 13 nacionalidades diferentes entre os que destacan dez mulleres.

Back to top button