DeportesÚltima hora

Máis de 70 deportistas de España e Portugal reuniranse na Copa de Sanda Vila de Verín

 

 

O Salón de Actos da Casa da Cultura acolleu a presentación da Copa de Sanda Vila de Verín (14 de novembro), unha competición que reunirá máis de 70 atletas de 12 clubs de España e Portugal. A cita, con carácter de Copa de España, situará a vila como sede do sanda nacional e reforzará a súa proxección internacional coa participación de deportistas portugueses.

A iniciativa está organizada polo Club AMC e o CD ARCO, co patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense e coa colaboración do Concello de Verín.

Na presentación participaron Manuel Pérez González, xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia na provincia de Ourense; José María Lago Cabo, deputado provincial; Diego Lourenzo Moura, concelleiro de Deportes de Verín; e os representantes da organización José Manuel Ferreira; e Manuel Martínez e José Manuel Ferreira (pai), estes últimos en nome do CD ARCO.

Segundo destaca a organización, trátase do único campionato de sanda en España e Portugal orientado especificamente a potenciar a canteira. A proposta ofrecerá ás novas xeracións a oportunidade de adquirir experiencia competitiva nun encontro que contará tamén con atletas de máximo nivel de ambos os países.

O concelleiro de Deportes, Diego Lourenzo, destacou que “para Verín é unha satisfacción acoller unha competición que reúne deportistas de España e Portugal e que aposta pola canteira. Detrás desta cita está o traballo dos clubs, dos adestradores e das familias, que fan posible que os máis novos poidan medrar a través do deporte. Desde o Concello seguiremos apoiando ese esforzo e colaborando en iniciativas que lles dean oportunidades para competir, aprender e compartir experiencias”.

A participación dos 12 clubs favorecerá o intercambio entre deportistas e equipos técnicos e permitirá estreitar os vínculos entre as entidades dos dous países. A competición contribuirá, ademais, a dar visibilidade ao sanda e ao labor de formación que desenvolven os clubs organizadores.

A entrega de trofeos está prevista para o sábado ás 19 horas e, segundo informa a organización, contará coa presenza de membros dos equipos nacionais de sanda de España e Portugal.

Back to top button