Ao longo da mañá deste 27 de maio o IES Carlos Casares de Viana do Bolo convertíase nun laboratorio científico. As súas instalacións acollían unha serie de experimentos e demostracións no marco da XVII Feira das Ciencias, que organiza o Club de Ciencia Miguel Arranz (formado por nove profesores) do instituto.
Esta interesante iniciativa reunía a 150 alumnos (dende primeiro de primaria ata segundo de Bacharelato) dos colexios da Mezquita, da Veiga, do CPI Laureano Prieto da Gudiña e do CEIP Bibei de Viana, ademais dos do IES Carlos Casares. Estaban acompañados dos seus profesores, pero tamén dos pais e mais que o desexen, co fin de integrar na feira ao conxunto da comunidade educativa.
Ao mesmo tempo, tamén se lle presentaba o instituto ao alumnado de primaria, especialmente aos estudantes de sexto que se incorporarán o vindeiro curso ao instituto e tamén aos da 4º da ESO da Gudiña, que entrarían en primeiro de Bacharelato.

“O obxectivo é fomentar o interese pola ciencia, promover que o alumnado faga presentacións, non só de experimentos, senón tamén doutro tipo de proxectos en público e impulsar a participación das alumnas no ámbito da ciencia e da experimentación”, explican dende o Club de Ciencia Miguel Arranz, que culmina con éxito unha nova edición desta iniciativa.
O alumnado agrupábase por parellas para desenvolver estes experimentos en mesas situadas ao longo do patio do centro, pero tamén na Aula de Tecnoloxía, no caso daqueles outros que necesitaban escuridade ou outro tipo de equipamantos. Os alumnos, e tamén profesores, ían pasando polas diferentes mesas, coñecendo dese xeito o traballo dos seus compañeiros.
Fotos cedidas.
