Novamente, Valdeorras volcábase coa Andaina e Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas de Vilamartín de Valdeorras, que se celebraba nesta mañá de 15 de novembro, marcada polas intensas choivas. Máis de 800 persoas inscribíanse nesta proba solidaria, organizada por ACAPAVAL, que volveu a demostrar o compromiso da comarca coa investigación e a sensibilización sobre esta enfermidade.

“É un resultado moi positivo”, destaca Eva Iglesias dende a organización, que agradece especialmente a participación de corredores, camiñantes e colaboradores, así como o respaldo de Iberdrola, patrocinador da iniciativa, e de todas as entidades e persoas que contribuíron a facer posible esta edición.
Esta edición contaba con tres probas deportivas: unha curta de 7 km, outra longa de 11,5 km e unha carreira de 13 km. As tres eran non competitivas. As saídas comezaban a darse ás 10h. e a última delas tiña lugar ás 10:30h. e era Francisco Silva, delegado de Iberdrola en Galicia, o encargado de dar o pistoletazo de saída.

Dende primeira hora de mañá numerosas persoas achegábanse ata o pavillón polideportivo Luis Nogueira de Vilamartín, punto de partida das tres citas, e onde tamén se rexistraban as últimas inscricións. O mal tempo fixo que moitos inscritos decidirán finalmente non participar e estímase que puideron ser unhas 400 as persoas que finalmente tomaban a saída en total.
A Carrera das Cidades contra o Cancro de Páncreas está promovida pola Asociación Cancro de Páncreas (ACANPAN), a Asociación Española de Pancreatoloxía (AESPANC) e a Asociación Española de Gastroenteroloxía (AEG), co obxectivo de dar visibilidade a unha enfermidade que continúa sendo un dos tumores máis agresivos.

En España estímanse 10.405 novos diagnósticos de cancro de páncreas en 2026. É a terceira causa de morte por cancro e só o 10% dos pacientes sobrevive cinco anos despois do diagnóstico. Ademais, máis do 80% dos casos detéctase en fases avanzadas. O 100% da recadación por inscricións e doazóns destínase integramente ás Bolsas de Investigación Carmen Delgado/Miguel Pérez-Mateo, contribuíndo a financiar proxectos científicos que permitan avanzar no diagnóstico e tratamento da enfermidade.
Vilamartín de Valdeorras volve así a demostrar, destacan os promotores do evento, que a mobilización cidadá é fundamental para impulsar a investigación.
A organización tamén contaba co apoio de diversas agrupacións de Protección Civil do oriente ourensán.
Fotos e vídeo: O SIL.
