CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Máis de cen nenos na estrea de “As Pegadas do Baile”, o innovador proxecto que achega a danza tradicional ás rúas de Verín

 

O Concello de Verín presentaba o 26 de xuño “As Pegadas do Baile”, un proxecto pioneiro que achega o baile tradicional galego ao espazo público a través dunha proposta innovadora, participativa e accesible para toda a cidadanía.

A iniciativa, promovida polo Concello de Verín e creada por Artur Puga e a escola Seisporoito, reuniu na Praza do Concello a máis dun cento de nenos e nenas das ludotecas municipais de verán, que participaron activamente na presentación descubrindo o funcionamento desta nova instalación interactiva. Os máis pequenos seguiron as secuencias de pegadas instaladas no chan para aprender os primeiros pasos da muiñeira e da xota, convertendo a actividade nunha experiencia lúdica e educativa que espertou un grande interese entre os asistentes.

“As Pegadas do Baile” propón unha nova forma de divulgar o patrimonio inmaterial galego mediante a representación artística dos pasos de baile no pavimento, complementados con códigos QR que permiten acceder a explicacións e contidos audiovisuais para continuar a aprendizaxe.

Xa pola tarde-noite, a programación continuou coa Foliada Seisporoito, que encheu por completo a Praza García Barbón. Centos de persoas participaron primeiro no obradoiro de baile tradicional impartido por Artur Puga e, posteriormente, gozaron dunha animada foliada-concerto coas actuacións de Untovello, As Xunquereteiras, Conxunto Sisto e Silveiras do Támega, prolongando a festa ata ben entrada a noite coa foliada libre na rúa Montemaior.

 

 

A elevada participación ao longo de toda a xornada confirmou o éxito dunha iniciativa que combina innovación, cultura, tradición e participación cidadá, convertendo o espazo público nun lugar de encontro arredor das tradicións galegas.

A concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, Samanta Barreira, destacou a excelente resposta da veciñanza e sinalou que “proxectos como este demostran que é posible conservar e transmitir o noso patrimonio inmaterial utilizando formatos innovadores que invitan á participación de persoas de todas as idades”. Así mesmo, agradeceu o traballo desenvolvido por Artur Puga e pola escola Seisporoito para facer realidade unha proposta que sitúa a Verín entre os primeiros concellos de Galicia en incorporar este modelo de difusión do baile tradicional ao espazo público.

Con esta iniciativa, o Concello de Verín reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura popular galega e coa creación de novos espazos de convivencia, aprendizaxe e participación arredor das nosas tradicións.

Fotos: Concello de Verín.

 

Back to top button