Dentro dun proxecto da Rede Natura 2000 Xeitura recuperaba unha serie de rutas no concello do Bolo, entre elas a do Canón do Bibei, entre a aldea de Tuxe e o Santuario das Ermidas, que inauguraban na mañá deste sábado 8 de novembro, en pleno outono. Unha andaina na que participaban máis dun cento de persoas de diferentes puntos de Galicia, distribuídos en dous grupos, unhas corenta persoas de diferentes partes da zona de Valdeorras e outro de 70 de Vigo.

Tal como explican dende a organización, comezaban na aldea de Tuxe, nas Adegas do Souto, baixando ata a antiga Ponte da Teixeira que comunicaba os concellos do Bolo e Manzaneda e que hoxe en día conserva os piares de pedra case intactos e rematando nas Ermidas, con posibilidade de visitar o Santuario. Uns 7 km lineais que teñen sinalizados ata o momento pero que daban continuidade ata o Castelo do Bolo e tamén o Museo Yosso para “amosar o esplendor do municipio”.


Este iniciativa parte do Concello nunha aposta por fomentar o turismo de natureza e as rutas de sendeirismo e o alcalde, Miguel A. García, valora moi positivamente a resposta. “Estamos moi contentos porque á xente coa que fomos falando encantoulles tanto a zona coma o sendeiro en si”, di, adiantando que de cara ao futuro esperan poder construír unha ponte colgante onde estaba a Ponte da Teixeira para lograr unha ruta circular entre os concellos do Bolo e Manzaneda”.

Fotos: Carlos G. Hervella e cedidas.
Vídeo: Carlos G. Hervella.