ConcellosO BarcoÚltima horaVídeos

Máis dunha tonelada de alimentos recadados na Carreira do Turrón do Barco, entregados a Cáritas

 

Un dos requisitos para inscribirse na XVIII Carreira do Turrón, organizada polo Concello do Barco de Valdeorras, era a aportación dun quilo de alimentos non perecedoiros, de aí que dada a masiva participación, a recadación fose das máis grandes.

 

 

Máis dunha tonelada de alimentos de todo tipo (pasta, arroz, galletas, azucre, leite, ace, distribuídos en grandes carriños, eran entregados polo Concello na mañá deste mércores 14 de xaneiro para o banco de alimentos de Cáritas da UPA O Barco.

 

 

Agradecido, o parróco do Barco, Jesús Álvarez aseguraba que esta gran aportación axudará a repoñer a despensa. “Este ano tivemos un problema serio de alimentos, polo que fixemos un chamamento aos colexios público e concertado, dos cales tivemos unha resposta moi xenerosa”, dixo, asegurando que iso, xunto á campaña que todos os anos comezan o día da Inmaculada e que vén de rematar, axudou moito. Dada a alta demanda, tamén se puxeron en contacto con empresas que colaboran con alimentos de urxencia, destacando o notable aumento de poboación de xente estranxeira. “A xente chama á porta de Cáritas e nós temos que responder”, asegura o sacerdote adiantando que este ano incluso fixeron unha campaña de recollida de mantas.

 

 

Pola súa banda, o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, daba as grazas “a todos os participantes na Carreira do Turrón” porque a recollida desta cantidade de alimentos é “mérito da poboación”, asegurando que o Concello é “transmisor desta correa de solidariedade” e o ano que vén “seguirá con esta campaña porque estamos para axudar en todo o que se poida cando hai unha necesidade”.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Back to top button