CulturaCulturaÚltima hora

Máis dunha vintena de actividades na programación de Nadal de Verín

Cedida.

 

O Concello de Verín vén de presentar a programación oficial de Nadal 2025–2026, un calendario composto por máis dunha vintena de propostas que se desenvolverán entre o 13 de decembro e o 6 de xaneiro. A oferta combina accións impulsadas directamente polo Concello coa colaboración activa de numerosas entidades locais que, un ano máis, contribúen a enriquecer a vida social e cultural da vila durante estas datas.

A concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, Samanta Barreira, destacou que a programación «reflicte o espírito dun concello vivo, no que a cooperación entre administración, tecido social, comercio e axentes culturais permite ofrecer unha proposta diversa, accesible e pensada para todos os públicos».

A programación municipal: tradición, cultura, teatro, deporte e conciliación familiar

O Concello de Verín reforza a súa oferta cultural cun amplo abano de propostas variadas. A programación inclúe o obradoiro infantil “Pequenos Repoboadores” (13 de decembro, ás 12:00 horas na Biblioteca Municipal). Esta actividade organízase no marco da iniciativa “Reverdecer” promovida dende o CDR Portas Abertas. O evento busca involucrar a toda a comunidade na causa, ofrecendo propostas concretas de recuperación do territorio. Por outra banda contaremos coa presentación das obras “Balneario” (18 de decembro, ás 19:30 horas)“El arte de matar” (22 de decembro, ás 19:30 horas), organizadas pola Biblioteca Municipal de Verín.

No ámbito escénico, o Auditorio Municipal acollerá dúas propostas de gran interese. O 23 de decembro, ás 18:00 horas, representarase “A nena que quería navegar”, unha montaxe familiar que aborda o acoso escolar desde unha perspectiva sensible e esperanzadora. A obra combina teatro de obxectos, monicreques e proxeccións, ofrecendo unha experiencia visual e emocional pensada para o público infantil e adulto. O 28 de decembro, ás 20:00 horas, subirase ao escenario “Non Pasarán”, unha peza de marcado carácter contemporáneo que explora o medo, a polarización social e os límites éticos ante unha situación de emerxencia. Un drama que invita á reflexión e ao debate arredor da convivencia e da responsabilidade colectiva.

A Sala de Exposicións Municipal inaugurará o 20 de decembro, ás 20:15 horas, a mostra “Alén do Lago” do fotógrafo Carlos Folgoso Sueiro, Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. A exposición, que permanecerá aberta ata o 31 de xaneiro, presenta unha viaxe visual pola Galicia máis profunda, un territorio que o autor retrata cunha estética cinematográfica e unha mirada poética que conecta paisaxe, memoria e identidade.

En materia deportiva, a Escola Municipal de Ximnasia Rítmica ofrecerá a súa tradicional gala o 20 de decembro, ás 11:30 horas, mentres que a área de Servizos Sociais -a través da OMIX- organizará unha nova edición de Ludonadal, activo do 22 de decembro ao 7 de xaneiro como servizo esencial de conciliación familiar.

A programación complétase cun obradoiro de creación de coroas florais de Nadal, organizado polo Concello o 20 de decembro, ás 16:00 horas no Pavillón Municipal de Deportes, en colaboración coas florarías locais da vila.

Por último, o 5 de xaneiro pola mañá os Reis Magos visitarán a Residencia de Anciáns Santa María, nun acto organizado polo Concello de Verín; e pola tarde, ás 17:30 horas, celebrarase a tradicional Gran Cabalgata de Reis, con saída de San Lázaro e chegada ao Pavillón Municipal de Deportes, sempre condicionada polas condicións meteorolóxicas.

Lembrar que durante toda a campaña de Nadal, o Salón de Actos Casa da Cultura acollerá as súas fins de Semana de Cine, con sesións de estrea comercial cada venres, sábado e domingo.

Eventos doutras entidades que enriquecen o calendario festivo

A programación de Nadal complétase cun conxunto diverso de actividades promovidas por entidades culturais, sociais, educativas e comerciais que, coa súa traxectoria e compromiso, contribúen a enriquecer o calendario festivo de Verín.

AEVER, coa colaboración do Concello, volverá ser un dos grandes dinamizadores destas datas. A súa campaña comercial “Os 6.000 de Verín”, activa ata o 23 de decembro, busca incentivar as compras no comercio local mediante a entrega de papeletas nos establecementos adheridos, culminando co sorteo final o 24 de decembro ante notario. Ademais, a asociación organizará tamén un pasarrúas musical o 20 de decembro, animando as rúas do centro, e celebrará a súa Gala de Nadal o 4 de xaneiro, ás 18:00 horas, unha cita familiar que combina música, humor e maxia e que se consolida como unha das propostas máis agardadas polo público infantil e adulto.

A tradición belenista mantén un protagonismo especial grazas ás entidades que, ano tras ano, sosteñen este patrimonio cultural. Ata o 6 de xaneiro, poderanse visitar o Belén da Viruca, coñecido polas súas figuras artesanais e escenas con temática galega; o Belén Mercedario, na igrexa da Mercé, cunha das representacións clásicas máis completas da vila; o Belén do Hospital de Verín, destacado polo seu enfoque sostible con materiais reciclados; e o Belén da Residencia de Anciáns Santa María, que conserva a tradición narrativa e estética dos pesebres máis populares. A este conxunto súmase a maqueta do Castelo de Monterrei de Antonio Justo, situada na rúa Maior e aberta ao público tamén ata o 6 de xaneiro, unha obra artesanal que recrea con minuciosidade un dos emblemas patrimoniais máis singulares da comarca.

No ámbito cultural e educativo, outras entidades tamén achegan propostas que amplían o calendario festivo. O 14 de decembroDiversity Escola de Danza celebrará, ás 10:00 e as 17:00 horas as súas galas anuais de Nadal no Auditorio Municipal, mentres que o Conservatorio Profesional de Música de Verín ofrecerá o 16 de decembro, ás 20:00 horas, a súa Gala de Nadal, cunha proposta familiar chea de humor, música e circo da man de Fran Rei e Félix Rodríguez, que traerán á vila o espectáculo Saaabor de Nadal!, acompañados polas actuacións de Paco Nogueiras e Zirko Txosko.

A programación inclúe ademais citas destacadas doutras produtoras e institucións. O 27 de decembro, ás 18:30 horas, o Santuario de Vilamaior do Val será escenario do tradicional Concerto de Nadal, organizado pola Diócese de Ourense, coa colaboración do Concello de Verín e da Deputación de Ourense, reunindo á Real Banda de Gaitas, agrupacións locais e artistas convidados nun dos encontros musicais máis simbólicos e emotivos da campaña. Finalmente, o 2 de xaneiro, ás 20:00 horas, Verín acollerá unha nova edición do IX Galicia Magic Fest, organizado por Néboa Events, que volverá traer ao Auditorio unha gala internacional de ilusionismo recoñecida en toda Galicia.

Conxuntamente, estas actividades impulsadas por entidades externas completan e fortalecen a programación municipal, construíndo un Nadal plural, participativo e profundamente enraizado na vida comunitaria de Verín.

Back to top button