
A veciñanza de Seadur, no Concello de Larouco está moi molesta coa falta de resposta e solución por parte da empresa ante un cable de telefonía que leva meses no medio da estrada.
Todo comezaba cara o mes de xaneiro cando os responsables da Rectoral de Seadur cortaban unha figueira que tiñan metida no muro do establecemento hostaleiro. “O poste de Telefónica estaba máis lonxe pero a sorpresa foi que as ramas da figueira estaban suxeitando os cables e o poste estaba podrido e caeu enriba da alambrada”, explica a alcaldesa, Patricia Lamela.

Ela mesma indica que o 20 de febreiro os responsables do establecementos puxeron un aviso indicando a situación, “coa mala sorte de que o poste caeu na estrada o Sábado Santo, cando se celebraba a ruta das Covas polo que dende a asociación procederon a cortar o poste deixando o cable medio colgado. Retirárono todo o que puideron porque é o acceso que ten a xente que vén por Lugo dende a N-120 e así quedou ata que alguén o leve por diante co coche”, asegura a rexedora indignada.
“Dende que puxeron o primeiro aviso, e dende o Concello demos aviso tamén e mesmo viñeron os bombeiros pero tampouco o puideron quitar, ninguén de Telefónica se acercou por alí nin nada e o peor é que non se sabe a quen chamar porque non se trata dunha avaría en si e ao non haber perigo, pois nada. Así está sen poder arrimalo máis e tampouco se pode cortar, esperando que se dignen a facer algo”, di Patricia, asegurando que non é o único poste que hai no municipio nese estado.

Fotos: O SIL.