CulturaCulturaÚltima hora

“Mamá!” e “Xa é hora”, dúas novas obras de teatro no marco da XIX Mostra de Teatro Amador, no Carballiño

“Mamá!” de Farándula Velutina.

 

A XIX Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón” organizada polo grupo de teatro Tiruleque, do Carballiño e que comezaba a súa andaina o pasado 4 de outubro, continúa coa súa completa programación. O domingo, 11 de outubro o grupo de teatro de Corcubión, Farándula Velutina, achegarase ata o Auditorio Manuel María do Carballiño para representar a comedia Mamá!, que amosará as relacións profundase complexas entre nais e fillas, explorando os matices e arestas destas relacións a través de nove divertidas historias (Unha por papá – Teño algo que dicirche – Ti sabes a hora que é? – Algo malo – Lei de vida – A merendar – Eu non quero xogar máis – O poder do símbolo – Unha preciosa nena) nas que nais e fillas se insultan, se respectan, se apertan, se pelexan, se buscan, se distancian, se ignoran,se coidan, se odian e,por suposto, se queren. Unha comedia escura e tenra para toda a familia (nais e fillas incluídas).

E ao día seguinte, o luns 12 serán as actrices de Teatro Pesadelo, de Sarandón-Vedra, as responsable de poñer en escena Xa é hora para traernos a historia dunha actriz fracasada, que agarda tras o pano o inicio da función. Pero unha visita inesperada, absurda e misteriosa fará que todo o mundo da nosa protagonista dea un xiro brutal. Unha nova comedia que escarva nas miserias humanas e nas precarias condicións das actrices e actores do noso país.

 

“Xa é hora” de Teatro Pesadelo.
Back to top button