
A plataforma cidadá “Dereito ao Tren” ten convocado para o vindeiro 2 de agosto ás 18:30h. unha manifestación ás 18:30 horas, na antiga estación de tren da Gudiña e que terminará na nova estación A Gudiña–Porta de Galicia, para “esixir ao Ministerio de Transportes a inmediata reordenación dos horarios ferroviarios, co fin de garantir conexións útiles adaptadas ás necesidades da poboación da zona de influencia da estación”.
A mobilización chega, din os convocantes, “nun momento de crecente indignación social ante uns horarios ferroviarios que, a pesar da existencia de liñas de alta velocidade, resultan totalmente inoperativos para a cidadanía. Os trens chegan ou saen a horas que impiden utilizar o servizo para traballar, estudar, acudir a unha cita médica ou realizar xestións básicas, reducindo así a infraestrutura ferroviaria a unha ferramenta inútil para o día a día”.
Así mesmo, a plataforma indica que, pese a contar “cunha estación moderna e estratexicamente situada como é a de Porta de Galicia na Gudiña, os horarios actuais non permiten desprazamentos de ida e volta no mesmo día a cidades clave como Madrid. Isto obriga ás persoas para depender do coche privado, cos consecuentes custos adicionais, impacto ambiental e unha brecha de mobilidade cada vez maior respecto a outras zonas do Estado”.
A plataforma Dereito ao Tren naceu co obxectivo de canalizar este malestar colectivo, organizando actos informativos e recollendo queixas formais por todas as comarcas da área de influencia da estación e por outros puntos do interior galego. En apenas unhas semanas, xa se reuniron miles de queixas cidadás, que serán entregadas ao Ministerio de Transportes como “mostra inequívoca do rexeitamento social aos horarios actuais”.
“Non pedimos un novo tren. O tren xa existe. O que reclamamos son horarios lóxicos e útiles que nos permitan usalo.”, sinalan desde a plataforma.
A manifestación do 2 de agosto será un “acto aberto, pacífico e reivindicativo, no que se anima a participar a veciñas e veciños, asociacións, concellos, plataformas e colectivos que compartan esta loita pola dignidade territorial e a xustiza social”, din os convocantes. E advirten de que “sen horarios útiles, o tren é unha infraestrutura morta. E unha infraestrutura morta é símbolo de abandono. Non o imos a permitir.”
Reunións cos grupos políticos do Parlamento galego
Por outra banda, nesta última semana de xullo a Plataforma Dereito ao Tren foi recibida este luns no Parlamento de Galicia por representantes de todas as forzas políticas con representación na Cámara: PPdG, BNG, PSdeG e Democracia Ourensá. As reunións, que se desenvolveron ao longo da mañá, permitiron trasladar de maneira directa as reivindicacións do movemento, centradas na recuperación dun servizo ferroviario útil e adecuado para a comarca da Gudiña e toda a raia ourensá.
Nas conversacións mantidas, todos os grupos políticos coincidiron en que os recortes no servizo foron un erro que nunca debeu haberse labor, e expresaron o seu compromiso de seguir traballando para reverter esta situación. Os representantes parlamentarios coincidiron na necesidade de empregar todas as vías políticas e institucionais dispoñibles para lograr a restitución dun servizo de transporte público que é esencial para o territorio.
Ao finalizar a xornada, a Plataforma mantivo tamén unha reunión co presidente do Parlamento Miguel Ángel Santalices. Desde a institución confirmouse que o presidente do Parlamento asistirá á manifestación convocada para o próximo 2 de agosto na Gudiña, e trasladouse que as distintas corporacións estarán representadas na mobilización. “Este apoio institucional supón un respaldo importante para o movemento, a poucos días dunha convocatoria que é a primeira de moitas en distintos puntos da xeografía galega e nacional ata que nos devolvan o que é noso”, din dende a plataforma.
