En portadaÚltima horaVídeos

Manifestos, unha concentración e música para conmemorar o 25N no Barco

 

A praza do Concello do Barco acollía ás 12h. un acto con motivo da celebración, mañá, do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Nel participaban alumnos de varios centros do municipio, así como representantes políticos dos tres grupos políticos presentes na Corporación e veciñanza en xeral.

O concelleiro de Servizos Sociais, Orlando Saavedra, abría a celebración e, tras un minuto de silencio polas vítimas deste tipo de violencia, daba paso ás estudantes de tres centros de ensino que lían manifestos elaborados polo propio alumnado. Primeiro interviñan Rebeca e Kaila do IES Lauro Olmo, despois Miriam e Carmen do Colexio Divina Pastora e finalmente Daniela e Candela do IES Martaguisela. A continuación a palabra cedía protagonismo á música coa actuación de dous alumnos do Conservatorio do Barco, Miguel Ortiz ao piano e Javier Fernández á frauta traveseira, que interpretaban tres fermosas pezas.

 

 

O acto concluía coa lectura do manifesto institucional do Concello do Barco con motivo deste Día Internacional da Violencia contra as Mulleres, por parte do edil de Servizos Sociais, Orlando Saavedra. No texto, co apoio dos tres grupos políticos da Corporación (PSdeG-PSOE, PP e BNG), amósase “o máis firme compromiso con non deixar de traballar ata erradicar a violencia machista e facer que a nosa sociedade sexa segura e digna para as mulleres. Somos conscientes de que o camiño cara a igualdade e cara unha sociedade libre de toda violencia aínda é longo e iso fai o noso traballo máis urxente e o noso compromiso máis determinado. En España, dende 2003, foron asasinadas 1.236 mulleres, só en Galicia 67 mulleres foron vítimas mortais da violencia machista”.

O manifesto institucional tamén plantexaba que as administracións locais “debemos combater a violencia machista con todos os medios ao noso alcance. Ratificamos o compromiso firme do Concello do Barco contra a violencia mahista, e en defensa dos dereitos das mulleres, a erradicación de calquera tipo de violencia contras as mulleres e combater calquera discurso negacionista e posicionamento político que negue a violencia machista ou rexeite as políticas públicas enfocadas á súa total erradicación”.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button