En portadaÚltima horaVídeos

Manuel Pardo asegura en San Vicente de Leira (Vilamartín) que “a Xunta sufragará o custo dos traballos de desescombro”

O delegado territorial destacou que ata o momento, na provincia de Ourense hai 120 solicitudes de axudas, das que 30 xa foron resoltas favorablemente, cun total de máis de 2,3M€

 

Na mañá deste o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, achegábase ata o municipio de Vilamartín de Valdeorras para reunirse coa Asociación de Veciños de San Vicente de Leira e dar conta das liñas de apoio da Xunta nas tarefas de desescombro. Alí, acompañado polo alcalde, Enrique Álvarez, e o voceiro da oposición, José Pinto, Pardo reiteraba o compromiso da Xunta de Galicia que “sufragará o custo dos traballos de desescombro das vivendas afectadas polo lume no pasado mes de agosto”.

Tralos contactos iniciados pola Administración autonómica coa alcaldía, Manuel Pardo reiterou o compromiso da Xunta no financiamento das tarefas de desescombro tanto das vivendas como dos espazos públicos damnificados polos lumes.

 

 

Remarcou deste xeito o delegado territorial a disposición e a celeridade do Goberno galego e do seu Presidente de intentar que “a situación volva ao que era antes do incendio e que isto debe facerse canto antes” e para iso non se van escatimar nin esforzos, nin recursos.

Manuel Pardo lembroulles aos veciños as liñas das axudas activadas pola Xunta e insistiu no compromiso do Goberno galego para axilizar a súa tramitación, a fin de que canto antes as familias poidan comezar a recuperación destes fogares tras esta terrible vaga de lumes. “Ata o momento, na provincia de Ourense hai 120 solicitudes de axudas, das que 30 xa foron resoltas favorablemente, cun total de máis de 2,3 millóns de euros”, dixo, destacando que as achegas “poden acadar case 150.000€ no caso de vivendas habituais, xa que ao 132.000 euros para rehabilitación do inmoble poden engadirse 16.200 euros polo enxoval doméstico. En caso de segunda residencia, as achegas son de ata 66.000€ e 5.400 euros para o enxoval”.

 

 

Esta axuda pode servir tanto para rehabilitar o inmoble, como para adquirir un novo, no caso de que quedase en situación de ruína como consecuencia dos lumes. A acreditación do estado de ruína se realizará mediante un informe técnico que, se o propietario desexa, elaborará a Xunta. Nestes casos hai que sumar ademais axudas complementarias para o realoxo mentres se rehabilitan as vivendas danadas. Ademais, “o Goberno galego tamén asumirá o 100% do alugueiro temporal, se é preciso e achegará ata 600€ máis para sufragar gastos de aloxamento provisional, transporte ou mudanza. Os afectados poderán así mesmo percibir a contía total da axuda de xeito anticipado, o que lles permitirá axilizar obras de rehabilitación das vivendas”, asegurou Pardo.

En canto á documentación a presentar, os afectados deben acreditar a titularidade da vivenda, o seu destino como vivenda habitual ou ocasional e a disposición dalgún seguro. Tamén se debe acompañar unha memoria técnica que valore os danos acusado e o custe da rehabilitación. Este documento poderá ser elaborado pola Xunta, se así o solicita o damnificado.

 

 

O alcalde de Vilamartín pola súa banda agradecía a presenza do delegado da Xunta recoñecendo que pasaron unha situación moi complicada reclamando, dende o día seguinte do incendio, a atención de todas as administracións. “E por fin conseguimos encaixar algún bolillo porque dada a situacion das casas en San Vicente necesitamos algún proxecto para aquelas que supoñen un perigo”.  Unha vez que o teñan trasladaranllo á Xunta para poder poñerse a traballar canto antes e quitar o perigo inminente. “Despois, o desescombro total será moito máis longo”, asegura Enrique, recoñecendo que “son os primeiros pasos e moi importantes, pero s veciños quedarán máis tranquilos cando por fin vexan as máquinas traballando”.

O alcalde de Vilamartín lembra que segundo os datos na técnica, “en San Vicente hai arredor de 150 vivendas das cales 120 quedaron calcinadas, moitas elas segundas vivendas ou inmobles para outros usos, pero son moitas. Bastantes, un 25% en Cernego, 2 ou 3 no Mazo, 6-7 antecovas en Penouta e algún alpendre en Correxais”.

 

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button