OurenseÚltima hora

Manuel Pardo, novo delegado da Xunta en Ourense

 

“Unha responsabilidade que asumo nesta primeira presenza pública con humildade, orgullo e infinito sentimento de honra. Unha responsabilidade que vai tralo compromiso e o agradecemento ao Presidente da Xunta, Alfonso Rueda pola súa confianza, o seu agarimo, o seu respaldo e a súa estima”; foron estas as primeiras palabras do novo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, no seu primeiro acto trala toma de posesión, que se desenvolveu esta mañá en Santiago.

O delegado territorial agradeceu o apoio de “aqueles que fixeron posible que eu principie este camiño”, puxo en valor o traballo de “aqueles que me precederon e me ensinaron a traza da exemplaridade” e lembrou que esta andaina que comeza supón unha responsabilidade “que adoita ser un privilexio por encabezar a representación do goberno de Galicia en Ourense. Unha responsabilidade coa miña provincia da que agardo estar á altura”.

Manuel Pardo clausuraba este serán o acto do primeiro aniversario da asociación Ourensividad aos que agradeceu o seu traballo porque “conseguistes poñer en marcha un proxecto que sen dúbida contribuirá a facer de Ourense un referente como provincia de calidade de vida e que marca o inicio do verdadeiro valor que Ourense ten como referente mundial de calidade vida e lonxevidade.”

O delegado territorial participou na entrega de recoñecementos vitais a catro mulleres centenarias, unha a título póstumo, que “que representan os valores máis puros das nosas orixes e erguen coa dignidade do proveito o labor dos nosos devanceiros”. Manuel Pardo significou que o feito de que na provincia de Ourense haxa un número tan elevado de centenarios en relación con outras partes do mundo ten inexorable que ver coa alimentación de proximidade, os hábitos saudables e o medio ambiente.

“Son dos que pensa que a modernidade soamente poder ser artellada dende a tradición, baixo un rigoroso exame da nosa propia conciencia”, continuou, e así o entende o Goberno de Galicia.

Manuel Pardo subliñou que “témola obriga de insistir no aproveitamento dos recursos; na valorización dos tempos empregados; na excelencia dos servizos prestados; na renuncia dos modelos ineficaces e obsoletos, e na colaboración leal entre todos”. “E aquí nestes homes e mulleres, que este serán homenaxeamos, temos o exemplo”, sentenciou

Artigos relacionados

Back to top button