CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Manzaneda convértese no epicentro da tradición oral co Serán da Seitura e o Certame de Bandas de Gaitas

Serán na fin de semana do 26 e 27 de xullo na vila e na Estación de Montaña Manzaneda

 

O XVI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas converterá a Manzaneda na capital mundial da música tradicional galega os días 26 e 27 de xullo, reunindo a máis de 300 músicos de toda Galicia. O programa era presentado na mañá deste luns 21 de xullo no Pazo Provincial polo vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández; e o director da Escola de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo.

César Fernández definiu o certame como “un dos grandes eventos culturais e de dinamización territorial” da provincia, poñendo en valor a “aposta decidida” da Deputación de Ourense pola cultura como eixo estratéxico deste mandato. Ademais, destacou a “posta en valor” da Estación de Montaña de Manzaneda ao acoller este evento, converténdose así “no epicentro da tradición e da música popular que configuran a nosa identidade”.

 

 

Pola súa parte, o alcalde de Manzaneda agradeceu o apoio da Deputación e da Xunta con este evento que leva “preto de 30 anos celebrándose en Manzaneda baixo distintos nomes”. Ademais, tivo palabras de lembranza para Jacinta Fernández Alonso, “doña Jacinta”, cantareira falecida recentemente e que se homenaxeará de xeito póstumo durante o certame.

Foxo explicou que este evento naceu “fai case 7 lustros coa filosofía de ser un elemento didáctico para que o alumnado traballase a súa posta en escena” e subliñou a “importancia cultural” do certame, xa que “é un xeito de preservar os nosos cánticos e manter o rural”.

 

 

O programa do sábado comezará co VIII Serán da Seitura de Manzaneda-Memorial Ludivina Pérez, ás 19:30 horas na praza da Igualdade. Trátase dun foro para poñer en valor os cantos tradicionais das Terras de Manzaneda e Trives. Ademais de actuacións dunha ducia de cantareiras e cantores, nesta xornada será a homenaxe póstuma a Jacinta. Posteriormente, o Festival Noite Celta pechará esta xornada chea de música tradicional na contorna da Estación de Montaña, a partir das 23 horas, con actuación de Bandas de Gaitas e grupos.

A fase final do XVI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas será o domingo 27, a partir das 11:30 horas no campo de competicións de Cabeza de Manzaneda, na memoria de Gabino García impulsor do certame. No evento participarán máis de trescentos gaiteiros con bandas de toda Galicia. As distintas seccións do Certame complétanse con campionatos de gaiteiros solistas e bastóns de mando pechándose coa actuación conxunta das bandas interpretado o Himno do Antergo Reino de Galicia.

Back to top button