En portadaÚltima horaVídeos

Manzaneda pon en valor os seus recursos como municipio de montaña nas xornadas “Creando un valor sostible para os nosos montes”

O encontro reúne nesta vila a diversos expertos e emprendedores ao longo dos días 20 e 21 de xuño

 

Sorprendentes restos glaciares, árbores milenarias, mostras vivas da máis senlleira etnografía como os curros do gando ou o Entroido, pero tamén historia e patrimonio, produción artesá en eidos como o da carne, o viño e a castaña da man de emprendedores que apostan por este territorio. Manzaneda é un municipio da alta montaña galega, cuns 800 habitantes, que aposta pola sostibilidade e pola posta en valor dos seus recursos e así o amosaba na apertura das xornadas “Creando un futuro sostible para os nosos montes”, que se enmarca dentro dos actos da Capitalidade de Montaña de España, que este concello comparte neste 2024 con outros tres do Macizo Central Ourensán: Trives, Chandrexa de Queixa e San Xoán de Río.

 

 

O encontro abríase no Centro de Día de Manzaneda da man do alcalde, Amable Fernández, que daba a benvida a relatores e asistentes e agradecía a súa presenza para, deseguido, explicar as singularidades deste territorio, que pertence á Denominación de Orixe da Ribeira Sacra e tamén ao Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, e que conta coa única estación de montaña de Galicia, a de Cabeza de Manzaneda (Trives-Manzaneda).

 

 

A continuación tomaban a palabra o presidente de EsMontañas, Miguel Gracia; quen destacaba o valor do territorio do Macizo Central que acolle este ano a Capitalidade de Montaña 2024 e resaltou as singularidades das poboacións de montaña. Tamén interviña o deputado provincial de Representación institucional, Rosendo Fernández; quen insistía no valor da cooperación “porque cando hai colaboración institucional os obxectivos acádanse máis facilmente e ademais dun xeito máis eficiente”. Ademais agradecía o labor da Asociación Española dos Municipios de Montaña como “altofalante” destes pobos porque “centrades gran parte do voso traballo en aportar ideas e proxectos que axuden a desenvolver a economía e os servizos das zonas de montaña. Sabemos que os concellos pequenos teñen dificultades, pero cando é de montaña sabemos que teñen moitas máis”.

 

 

Finalmente tomaba a palabra o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, quen poñía en valor o potencial de interior como destino turístico. “O interior de Galicia, especialmente da provincia de Ourense, é un destino que cada vez esperta máis atractivo. Somos conscientes de que nesta zona da nosa comunidade, marcada por unha orografía montañosa, podemos atraer un turismo de nicho, un turismo activo que valore especialmente o contacto coa natureza”.  E avanzou que “promover Manzaneda como destino turístico, tanto no inverno coma no verán, é unha prioridade para Turismo de Galicia”. Manuel Pardo sinalou que “apostamos por este territorio, pola súa gran potencialidade e por iso traballamos a prol da súa potenciación e promoción. Sen dubida, o medio natural constitúe, así, un gran atractivo turístico para Manzaneda, en particular, e a nosa comunidade, en xeral”.

 

A continuación, Enrique González López, enxeñeiro agrícola do Concello Manzaneda, facía unha completa exposición sobre os valores, actividades, tradicións, celebracións e proxectos deste municipio. Comezaba describindo as características demográficas e físicas deste territorio e destacando que “a particularidade de Manzaneda é que cuns 800 habitantes ten bastante produción agroalimentaria e comeza a ter produción artesanal, entón aquí ides poder ver u pequeno mercadiño que fixemos os produtos de Manzaneda e agradézolle a todos aqueles que colaboraron no mesmo”.

 

 

Indicaba ademais que a principal problemática deste concello e o despoboamento e, neste senso, aludía á importancia de contarlle a realidade do rural á xente. “Hai unha tendencia a dicir que o neorruralismo é marabilloso, e claro que o é, pero non podemos dicir que nos vai de marabilla. A vida no rural é moi boa, pero é diferente á da capital, e isto hai que explicalo”. Tamén se refería ao papel do “técnicos de desenvolvemento rural, hai que ter unha visión técnica” á hora de poñer en marcha iniciativas. E concluía asegurando que “hai que crer no rural, ser sensatos, simples e sinxelos”.

 

 

A partir de aí dábase paso á primeira das mesas redondas do programa, dedicada ás compensacións por servizos medioambientais, moderada por Asun Cámara, coordinadora de Juntos por los Bosques, e na que participaban a directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta, Marisol Díaz; o director de Acción Climática ECODES, Pablo Barrenechea; o investigador José Valentín; e Chelo Alfonso Pérez, presidenta de AMUFOR.

 

 

Díaz Mouteira apuntaba que a administración “trata de atopar o equilibrio entre a concepción dos nosos montes, a biodiversidade, os ecosistemas, os hábitats e coa poboación que vive nos espazos protexidos. En Galicia contamos cun patrimonio natural excepcional e cremos que é un dos nosos sinais de identidade importantes e que debemos conservar entre todos, para iso contamos cunha normativa e cunha planificación”. Referíase ademais ás figuras de protección existentes no Macizo Central, como o Parque Natural do Invernadoiro, a Rede Natura 2000 ou o Monumento Natural do Souto de Rozabales, entre outras.

 

 

Citaba así mesmo as liñas de axudas existentes con relación a eses espazos protexidos, de tres tipos: as dos parques naturais, as da Rede Natura e de Reserva da Biosfera. E remataba falando da responsabilidade patrimonial.

 

 

A segunda mesa redonda da mañá abordaba a relevancia da ganderia extensiva para a prevención de incendios e estaba moderada por Javier Perales Fernández, deputado de Xaén. Nela interviñan Isabel Albalat, alcaldesa de Albocàsser (Castellón); Davide Outeiro, director técnico de BOAGA; Paula Jarque, Ganaderas en Red; e Asún Bailarín, veterinaria e profesora da Escola de Pastores de San Juan de Plan (Huesca).

A sesión da mañá completábase cunha terceira mesa redonda sobre os “novos modelos de xestión forestal”, moderada por María Vergés, síndica del Conselh Generau d’Arán; coas exposicións de Raquel Blanco xefa de área de Soutos da Consellería do Medio Rural; Jorge López, European Clusters Alliance; e Pablo Rodríguez, xefe de área de Montes Veciñais de Medio Rural.

 

 

 

O programa continuará pola tarde, a partir das seis e media, cun circuíto interpretativo pola vila medieval de Manzaneda e cunha visita ao Souto de Rozabales. Será guiado por Enrique González.

As xornadas retomaranse o venres con dúas novas mesas redondas, a primeira ás 10:30h. sobre xestión e administración local, e a segunda baixo a temática de “emprender nun pobo de montaña”. O Centro de Día, onde se desenvolven as xornadas, acolle tamén unha ampla e variada exposición con produtos artesáns elaborados en Manzaneda (dende viño ata embutidos), así como con imaxes da zona, artesanía en madeira e elementros propios do Entroido tradicional de Manzaneda.

Fotos: O SIL.

Vídeos: O SIL e cedidos.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button