DeportesÚltima hora

Maratón de fitness con cardiotono, zumba, circuíto funcional e ioga, este sábado no Carballiño

 

A Concellería de Deportes do Carballiño reforza a súa aposta pola actividade física e os hábitos de vida saudables cunha nova proposta, un maratón de fitness ao aire libre. “Queremos que a xente do Carballiño se mova e que poida desfrutar do deporte de xeito gratuíto”, apuntou esta mañá José Castro, tenente alcalde e concelleiro de Deportes, na presentación do maratón, impulsada pola Concellería en colaboración co ximnasio Korpore.

A xornada, que se realizará este sábado pola mañá na Praza Juan Corral Paxariño, inclúe unha variada proposta de actividades deportivas dirixidas a público de todas as idades. “Comezaremos ás 10 horas cunha clase de cardiotono na que imos traballar a parte cardiovascular e facer traballo de tonificación. É unha clase moi entretida na que pode participar todo o mundo”, detallou Rebeca Amil, do ximnasio Korpore. A continuación, realizarase unha clase de zumba, recomendada especialmente para persoas ás que lles guste bailar. “Despois teremos un circuíto funcional no que os dous monitores se van encargar de controlar os exercicios que faga cada persoa, e por último teremos unha sesión de ioga para relaxarse e realizar estiramentos”, engadiu Amil. A clase de ioga do maratón substituirá este sábado á clase semanal de ioga enmarcada no Carballiño Deportivo.

Para participar no maratón non é necesario inscribirse, só achegarse á praza durante a mañá. “Esperamos que a xente se anime, pensamos que vai ser unha xornada moi divertida”, comentou o concelleiro de Deportes.

 

Back to top button