
Son centos as razóns para celebrar o Día da Montaña Galega. “Para que as diferentes administracións a valoren con agarimo e razóns medioambientais, para que todas as persoas coñezan e podan admirar a beleza das nosas montañas, para que os deportistas e camiñantes en busca de emocións, aventura ou coñecementos, sintan o debido respecto e as coiden” ou para que “clubs, asociacións e federacións de montañismo sexan os gardiáns protectores e defensores dos valores culturais, medioambientais e deportivos, que sempre deben de ser as razóns prioritarias do Montañismo, que foi, é e será, Máis que un Deporte”.
Así o destacan dende o Club Montañas de Trevinca que o vindeiro 21 de xuño celebrará o Día da Montaña Galega cun xesto simbólico e moi fermoso: o XXIII Aniversario “Unha aperta a Trevinca”.
Esta singular marcha de montaña, que se iniciará ás 9h. dende Vilanova de Trevinca (A Veiga), seguirá despois un percorrido de 24,8 km que irá polo Pico do Maluro – Lombo do Rocín – A Valigota – Pena Trevinca – Sestil Alto – Vilanova. A chegada ao teito galego estímase que será entre as 13h e as 13:30h. A data límite para anotarse á actividade, xoves, 19 de xuño ata ás 15:00 horas. a través da web https://www.montanasdetrevinca.es/06-dia-da-montana-galega/