En portadaGalerías de fotosSanidadeÚltima horaVídeos

Marea morada contra o cancro de páncreas na VII Andaina e Carreira das Cidades de Vilamartín

Unhas 900 persoas dábanse cita nesta proba benéfica e deportiva que recada fondos para investigar este tipo de cancro

 

Novo éxito para a sétima Andaina e Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas de Vilamartín que se poñía en marcha esta mañá de 27 de outubro dende o pavillón polideportivo Luis Nogueira. A organización cifra nunhas 900 as inscricións desta edición, que contaba con tres modalidades deportivas diferentes.

 

 

A partir das 10h. dábase a saída á carreira (13 km) e inmediatamente á andaina longa (13 km) e, finalmente, ás 10:30 horas, saían os participantes na andaina curta (7,5 km). Nesta edición na saída contábase coa presenza de dous dos fundadores da iniciativa da Carreira das Cidades, que nacía hai dez anos en Alacante: Cristina Sandín, presidenta da Asociación Cancro de Páncreas e Enrique de Madaria, gastroenterólogo do Hospital Xeral Universitario Dr. Balmis.

 

 

Sandín lembraba como xurdía esta carreira vilamartinesa, “que é a máis entrañable que temos entre todas as Carreiras das Cidades que organizamos en España, e tamén a máis bonita, sen ningunha dúbida”. Agradecía a numerosas participación e invitaba aos asistentes a continuar participando nela no futuro. Así mesmo lembraba que ao longo da década de existencia desta iniciativa benéfica lograban recadarse máis de 1 millón de euros que se destinaban á investigación, “coas vosas aportacións”.

Pola súa banda, o doutor Enrique de Madaria incidía en que esta carreira está poñendo no “mapa que se necesita máis investigación para curar o cancro de páncreas e o que imos facer hoxe é pasalo ben e apoiar isto. Tedes por diante un percorrido moi divertido”, lembrando ademais que con este xesto “estades axudando aos pacientes, que necesitan que todos os teñamos en conta”. Pouco despois, daba o pistoletazo de saída á carreira e á andaina longa.

 

Vídeo cedido.

 

O importe íntegro das inscricións de acordo á filosofía da Carreiras das Cidades será doado á Asociación ACANPAN (Asociación Cancro de Páncreas) para destinalo ao financiamento das bolsas Carmen Delgado/Miguel Pérez-Mateo convocadas con periodicidade anual por ACAPAN e AESPANC para o desenvolvemento de estudos relacionados coa investigación no diagnóstico e no tratamento do adenocarcinoma de páncreas.

Esta iniciativa solidaria está promovida por ACAPAVAL (Asociación Valdeorresa de Cancro de Páncreas) e as súas organizadoras son Eva, Belén e Patricia. A organización contaba coa colaboración de varias agrupacións de Protección Civil.

Fotos e vídeos: O SIL.

Ampliarase galería de fotos en breve.

 

Back to top button