
A veciñanza de Margaride de Lor (Quiroga) revivirá o vindeiro 22 de agosto as súas orixes castrexas e romanas nunha xornada moi especial na que esta localidade, situada no que antano era unha explotación aurífera do Imperio, celebrará a XIV Festa do Ouro.
Así, ao longo do vindeiro sábado despegará un programa que se iniciará ás 11:30h. na capela coa xa tradicional misa en latín. A partir das 12h., farase a tradicional visita ás adegas coa música do grupo Aikirindo Gaitucada. E xa ás 14:30h. comezará o xantar no campamento castrexo-romano, xunto ás Covas do Medo, a base de polbo e churrasco.
Xa pola tarde haberá xogos entre castrexos e romanos. Posteriormente, ás 18:30h. darase paso a unha conferencia na Cova do Medo a cargo de Manuel Cao Rodríguez, titulada “A chegada ao Lor do ferrocarril”. Cao é mestre xubilado, escritor e investigador nado en San Clodio.
O programa continuará coa animación festiva do Dj Kola ás 20h., seguida da cea popular, e xa sobre ás 23h. comezará a “nox terrorem” con rituais celtas e queimada. O broche da celebración porase cunha verbena da man de Dj Kola
Esta Festa do Ouro será novamente organizada pola Asociación Veciñal de Margaride.
