OurenseÚltima hora

Mariana Carballal, natural de Albarellos (Monterrei), Premio OUFF Ourense 2023

A 28ª edición do Ourense Film Festival recoñece a traxectoria da actriz, directora, docente e activista pola igualdade

Mariana Carballal./ Foto: Ricardo Grobas.

 

Mariana Carballal (Albarellos, Monterrei, 1962), actriz, directora e docente, recibirá o Premio OUFF Ourense en recoñecemento a unha traxectoria na que vai deixando pegada en múltiples proxectos e facetas profesionais. Tamén nas aulas, formando a futuros intérpretes desde fai máis de quince anos na ESAD (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia) así como na Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo. O seu activismo pola igualdade nas artes escénicas e no audiovisual, foi recoñecido non só pola profesión senón por diferentes entidades e institucións que valoraron a súa contribución para potenciar e visibilizar o traballo das mulleres no sector. Mariana Carballal recollerá o premio do OUFF na gala inaugural do festival. O 28ª OUFF terá lugar do 29 de setembro ao 8 de outubro.

Licenciada en Arte Dramática, posgrao en Estudos Teatrais e Cinematográficos e máster en Teatro e Sociedade, o seu rostro e a súa voz alcanzaron enorme popularidade entre o público nas últimas décadas. Como actriz interpretou numerosos papeis tanto en cinema e televisión como en teatro. Sobre o escenario destacan actuacións como actriz no Centro Dramático Nacional, o Centro Dramático Galego ou o Teatro de Cámara. En televisión traballou en series como Fariña, Verão M. (Portugal), Vivir sen permiso, Ao choio, Nada é para sempre, Mareas vivas, Terras de Miranda, Hospital central, Pratos combinados, O show dous Tonechos, Casa Manola e Serramoura.

Tamén en televisión realizou labores de dirección, faceta que lle apaixona: Libro de familia, serie record de permanencia na televisión autonómica galega, contou con ela como directora de casting e primeira directora da serie, en cincuenta capítulos. Na mesma cadea emitiuse nos anos 2011 e 2012 a súa creación orixinal Escoba!, unha sit-com con cinco mulleres protagonistas interpretadas por Rosa Álvarez, Elina Luaces, Teté Delgado, Mela Casal e Dorotea Bárcena. Con esta serie, Carballal reivindicaba o papel das “mulleres maiores” na sociedade e na pantalla. Pouco despois, a actriz e directora residiu durante un tempo en Ecuador, onde exerceu de docente e puxo en marcha outras sit-com parala televisión pública dese país, 50+IVA.

Mariana Carballal comezou a súa carreira en Madrid, cidade na que residiu dúas décadas; alí, nos anos oitenta traballou no cárcere de mulleres de Yeserías como animadora sociocultural e, ademais, como parte da compañía teatral “Yeses”, promovida na prisión pola funcionaria Elena Cánovas.

Curiosamente, moitos anos máis tarde, Carballal participaría xunto a boa parte das actrices máis coñecidas de España na película El patio de mi cárcel (2008), de Belen Macías, que recreaba a experiencia que fora Yeses. A gran pantalla tamén recorreu ao talento de Mariana Carballal como actriz en películas como Quien a hierro mata (2019) de Paco Plaza, Elisa y Marcela (2018), de Isabel Coixet, La felicidad de los perros (2016), de David Hernández, 22 Ángeles (2016), de Miguel Bardem, ou La piel que habito (2010), de Pedro Almodóvar, entre outros filmes.

Mariana Carballal foi unha das socias fundadoras da Academia Galega do Audiovisual en 2002. A loita pola igualdade e por visibilizar a situación das mulleres nas artes escénicas e no audiovisual forma parte do seu posicionamento persoal e profesional no mundo. Entre os múltiples recoñecementos e galardóns pola súa traxectoria referencial e polo seu activismo, o pasado mes de marzo recibia o premio “8-M” outorgado pola Deputación de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button