O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, felicitaba esta mañá á Policía Nacional polo seu compromiso coa solidariedade e a actividade física, “un esforzo extra para beneficiar á sociedade”. Así o fixo na inauguración a carreira solidaria Ruta 091, xunto ao comisario provincial xefe da Policía Nacional, Juan Cástor Vázquez.
Na Glorieta da Policía Nacional de Ourense situáronse o punto de saída e a meta. Alí, antes de cortar a cinta de inauguración da proba absoluta, Eladio Santos subliñou que “iniciativas como esta demostran que a proximidade, a saúde e a inclusión son prioridades para o Corpo Nacional de Policía”.
Despois da carreira absoluta, o subdelegado felicitou aos gañadores, que foron Martín López Mosquera, na categoría masculina, e María Cedrón Aira, na feminina. Tamén, agradeceu a imprescindible aportación dos patrocinadores e a colaboración doutras Administracións e da Policía Local de Ourense.

A proba absoluta, a carreira de adultos, comezou ás 10:30 horas cun percorrido de 5 quilómetros. Logo foi a quenda da carreira infantil e inclusiva, ás 11:30 horas. En total, participaron máis de 1.000 persoas, que puideron desfrutar da entrega de premios dunha exhibición de medios policiais. Todos os fondos recadados foron para a asociación Bicos de Papel, que traballa en favor dos nenos oncolóxicos ingresados no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e reclama unha unidade de Oncoloxía en Ourense.
O subdelegado agradeceu a Bicos de Papel o seu intenso traballo para acompañar ás familias e mellorar a vida dos nenos e nenas con cancro, polo que celebrou a contribución a esta causa. “Cando o deporte se pon ao servizo dunha causa social, gañamos todos, porque promovemos hábitos saudables e avanzamos cara a unha cidadanía máis concienciada e comprometida”, indicou.
