DeportesÚltima horaVídeos

Mateo Valcarce, a opción valdeorresa de medalla no nacional Sub16 de marcha do vindeiro domingo no Barco

A vila acollerá o Campionato de España de Marcha de promoción e máster nun circuíto chairo entre o hospital e a rotonda do Mercadona

 

Un total de 21 atletas tomarán o vindeiro14 de decembro no Campionato de España de Marcha de promoción e máster que reunirá no Barco de Valdeorras a case 200 participantes chegados de todas as federacións autonómicas do Estado. Ao mesmo tempo, celebrarase o VIII Trofeo José Ruiz López, co que o número total de inscritos en ambas citas será duns 260. Así o adiantaba a organización deste campionato, na presentación que tiña lugar esta mañá no Concello do Barco, que contaba coa presenza do alcalde barquense, Aurentino Alonso; da concelleira de Turismo, Alba Rodríguez; do presidente do Club Adas Cupa, Agustín González, e do delegado da Federación Galega de Atletismo (FGA), Manuel Rodríguez.

“O domingo O Barco volve á primeira división do atletismo a nivel nacional porque imos ter aquí unha competición de altísimo nivel, un campionato de España de marcha de inverno de promoción ata Sub20 e máster, con presenza de atletas de toda España”, resaltaba o alcalde.

A competición arrancará as 10h. coas categorías base en diferentes carreiras (Sub10, Sub12, Sub14), se ben non será ata as 11h. cando comece o campionato de España propiamente dito coa categoría Sub16 (cunha distancia de 3 km), logo virán o resto de carreiras seguidas, Sub18, Sub20 (5 km) e máster (10 km). A competición desenvolverase nun circuíto pechado con voltas de 1 km, tal e como matizaba Agustín González “Tinín”, totalmente chairo e situado entre o Hospital Público de Valdeorras e a rotonda do Mercadona.

Tinín tamén destacaba que pese a ser un circuíto curto, a organización da proba implica moito traballo organizativo, de cuxa coordinación se está a encargar o delegado da FGA. “Implica moito traballo de valos, de conos para dividir a estrada, da Policía Local para o relativo ao tema de aparcamentos e saídas de garaxes… Ao final estas probas teñen moita complicación parece que non, pero hai que facer un traballo moi importante e iso non se ve, e aí está tamén o labor do Concello, por exemplo, nos puntos de luz que tamén son importantes vanse poñer dous arcos. un deles o de meta da federación”. Ademais colocaranse dúas pantallas xigantes da federación, unha das cales permitirá seguir as posibles faltas dos atletas durante a competición e a outra mostrará un cronómetro.

 

 

O alcalde do Barco, Aurentino Alonso, agradecía a insistencia e iniciativa do Adas de promover este campionato, “así como a implicación da Federación Galega de Atletismo e por suposto á Real Federación Española de Atletismo (RFEA), que nos concedera ao Barco esta proba de tan alto nivel”. Ademais expresaba o seu agradecemento ao apoio económico da Deputación de Ourense, que xunto co Concello do Barco, financiarán a proba.

 

 

Pola súa banda, o presidente do Adas, agradecía a colaboración “a colaboración de Turismo, nestes eventos.  O importante é que veñen moitos atletas e tamén pais e mais, ao ser de categorías menores, xunto con adestradores e xuíces. Nós calculamos un impacto dunhas mil persoas como mínimo, lcreo que está toda Valdeorras chea en aloxamento e tamén nos arredores, e iso é o que se buscaba, que teñan un impacto de ocupación e tamén de que coñezan esta zona”.

 

 

Participación valdeorresa, con opcións de medalla

Agustín González tamén destacaba na súa intervención a notable presenza valdeorresa nas diferentes probas. “Valdeorras vai estar presente nas cateogrías menores, benxamín, alevín, infantil.. e, por suposto na Sub16, con Paula Cela e Mateo Valcarce, (coa segunda mellor marca dos participantes) que é a esperanza que temos. Leva tres medallas nos tres campionatos que ten disputado, ouro prata e bronce, e esperemos que repita algunha delas no Barco”.

Xa na categoría máster, González referíase a José Fernández Nieves, atleta barquense que viste a camiseta do Adas, que competirá en máster. A estes tres valdeorreses homenaxáeselles no cartel do nacional.

 

 

A participación galega neste nacional

“Como sempre, o atletismo galego acude a esta cita con moitas posibilidades xa que sobre o circuito barquense, estarán boa parte das máis importantes e prometedoras marchadoras galegas e galegos da actualidade”, destacan dende a FGA.

Ademais dos valdeorreses xa citados, Icía Ares parte como unha das favoritas ao título de España sobre a diatancia dos 5 Km Sub18. A marchadora do Ourense Atletismo, intentará rematar un 2025 extraordinario no que lograba o título de campioa de España e a súa estrea como internacional. Estaremos tamén moi pendentes a actuación da subcampioa de España Natalia González do Celta que estará na pelexa polos postos importantes da proba.

Outra das bazas importantes do atletismo galego nestes campionatos será a da internacional do Ourense Atletismo Aldara Meilán. A lucense, que lidera o ranking de España Sub20, intentara revalidar o título de campioa logrado o ano pasado en Castro Urdiales. Pola súa banda, Natalia Rivas do RIA Ferrol, será outra das marchadoras galegas que aspiren a posicións destacadas.

Campionato Máster

De igual modo ás categorías de promoción, tamén estarán tomando parte neste Campionato de España os atletas das categorías máster.

Entre os galegos contaremos ca presenza do multiple campión e plusmarquista mundial Juan Manuel Morales do Marineda At. quen parte como favorito na categoría M45. Sobre esta mesma categoría o tamén galego local Jose Fernández Nieves do Celta, será outro dos que conten para estar no podio xunto ao marchador coruñés.

Manuel Polo do Narón na categoría M50; Patricia Simón do At. Cuntis na F45 así como Soledad Pousa e Herminia Grande na F50 do Ourense Atletismo, serán tamén serias candidatos ás medallas deste campionato.

Fotos: A.R.

Vídeo: O SIL

Back to top button