Hai uns meses, dende a Asociación Española Contra o Cancro en Ourense decidían achegarse ata Viana do Bolo para captar voluntarios e introducirse máis na zona para que a xente de Viana e dos concellos limítrofes coñezan a asociación e todos os servizos que ofrecen, totalmente gratuítos.

No mes de agosto tiveron unha cuestación nas feira coas voluntarias e hoxe organizaban un evento solidario coa colaboración do novo grupo de volutarias moi dispostas, Son do Sil, o Mago Teto, o Concello de Viana e por suposto o oncólogo Rafael López. “Estamos encantados e esperamos que se sigan facendo cousas, porque todo suma”, aseguraban dende a AECC antes de que dera comezo a “Gran noite solidaria contra o cancro”.
Unha gala que contou coa inestimable intervención do doutor Rafael López, natural de Vilamartín de Valdeorras e xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, quen falou da situación do cancro en España, dando datos a través de diapositivas dos investimentos e do que se gasta, así como das cinco armas que existen contra o cancro (cirurxía, radioterapia, quimioterapia, terapia dirixida e inmunoterapia), facendo especial fincapé nos perxuízos do tabaco.
De segguido subía ao escenario o Mago Teto, natural de Viana do Bolo, que fixo unha serie de números de maxia e ilusionismo breves, interactuando co público como adoita facer en todos os seus espectáculos, antes de dar paso á agrupación Son do Sil que, tras o concerto que daban en agosto na praza Maior, en homenaxe a un dos seus membros falecido (Pepe Seara), volvía a Viana para poñer o seu gran de area na loita contra o cancro. Antes de deleitar ao público cos seus temas máis coñecidos, aseguraban que de todos os concertos que dan (e son moitos, por diferentes partes de España), os que máis éxito teñen son os solidarios.
Á entrada da Casa da Cultura de Viana do Bolo, onde tiña lugar a gala, había tamén unha mesa da AECC con información e varios dos artigos que venden para seguir recadando cartos para a asociación.

A seguinte actividade a beneficio da Asociación Española Contra o Cancro, será un obradoiro creativo de voluntariado en Viana para elaborar “Milagritos Mexicanos feitos a man e dende o corazón”. Será o 16 de outubro de 17 a 18:30 horas, cun donativo de 10 euros e conta coa colaboración de Estudo Garabizo CSC Viana do Bolo.
Fotos e vídeos: O SIL.
