DeportesFútbolÚltima hora

Medio cento de nenos das escolas deportivas trivesas viaxarán a Vigo para ver o partido Celta-Las Palmas

Ademais desta iniciativa, o Concello prepara unha viaxe a Santiago para asistir a unha función do Centro Dramático Galego

 

O partido Celta-Las Palmas desta fin de semana contará cun bo número de afeccionados ao fútbol da Pobra de Trives. Medio cento de nenos e nenas de entre 6 e 13 anos das Escolas Deportivas Trivesas subiranse este sábado a un autobús, acompañados da alcaldesa, Patricia Domínguez, e do concelleiro de Deportes, Fermín Santoveña, para asistir ao encontro e desfrutar dunha xornada de convivencia.

A viaxe levarase a cabo despois das xestións realizadas polo Concello, que así o solicitou ao Club a finais do pasado ano. Os cativos terán ocasión de asistir ao partido, ademais de visitar o Museo do Celta e levaranse un obsequio. O concelleiro de Deportes Fermín Santoveña, subliña que se trata de unha oportunidade idónea para que os nenos e nenas “poidan desfrutar do bo fútbol nunha xornada de amizade e bo ambiente”.

O autobús do teatro

O Concello da Pobra de Trives tamén quere achegar o teatro aos maiores, polo que se organiza, da man do Centro Dramático Galego, unha excursión a Santiago de Compostela o próximo 2 de maio para asistir á obra “Os actos e as profecías”. Para participar será necesario inscribirse previamente, xa que as prazas son limitadas.

Está previsto que o autobús realice paradas en Río e Valilongo, para que a veciñanza dos concellos próximos tamén poida asistir ao evento. Os interesados obterán máis información na Casa Consistorial.

Artigos relacionados

Back to top button