Medio cento de persoas voluntarias participaban nesta mañá nunha xornada de xornada de reforestación con árbores autóctonas de zonas afectadas polo incendio forestal do pasado verán no municipio de Larouco. A iniciativa está promovida dende Abanca e a súa Obra Social, Afundación. Trátase dunha acción de voluntariado medioambiental no marco do seu Plan de Acción contra os incendios. Os voluntarios están acompañados por veciños e veciñas de Larouco e membros da comunidade de montes.
O grupo de persoas voluntarias plantaba 700 árbores de especies autóctonas como castiñeiros (de madeira), aciñeiras, sobreiras, abruñeiros, érbedos, pereiras e maceiras silvestres, todas destinadas a madeira. “Estamos no límite entre Enciñeira (provincia de Lugo) e Larouco (provincia de Ourense), actuando grazas ao voluntariado de Abanca nun monte comunal cunha replantación de diversas especies. Obviamente ímonos afastar todo o posible da plantación de piñeiro porque despois do lume deste verán está claro que iso é un erro na comunidade de Valdeorras. Serán unha serie de especies que, coas condicións que temos nos veráns nos garantan que non prendan. Están plantadas tamén de xeito que despois dende o Concello ou dende o monte comunal se poida desbrozar ben con tractor e en todo o posible non cometer os erros anteriores plantando piñeiros”, dicía a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, que recibía e acompañaba aos voluntarios.

A intervención de hoxe ten como obxectivo prioritario recuperar parte da masa forestal perdida, así como contribuír á restauración dos hábitats da fauna local, como o corzo, o xabaril e diversas aves rapaces, que se viron gravemente alterados. Ademais da perda ambiental, o incendio supuxo un duro golpe para a economía local, xa que afectou a montes comunais, explotacións agrícolas e á característica paisaxe vitivinícola da comarca de Valdeorras, tal e como se indica dende Abanca.
A elección de Larouco para esta sétima acción de voluntariado, matiza esta entidade, é dun alto valor simbólico e ambiental, xa que este municipio foi o epicentro do incendio forestal máis grave rexistrado na historia de Galicia. O lume, iniciado o 13 de agosto de 2025 na parroquia de Seadur, converteuse nun incendio convectivo de extrema violencia que chegou a calcinar máis de 30.000 hectáreas de monte. As chamas estendéronse tamén polo sur de Ourense ata alcanzar a provincia de Lugo.

Esta é xa a sétima actuación de recuperación medioambiental organizada dentro do Plan de Acción deseñado polo banco e Afundación para paliar os efectos dos incendios, tras a de reforestación realizada o pasado sábado en Quiroga e as cinco levadas a cabo entre outubro e novembro para protexer solos e acuíferos en Manzaneda, o Parque Natural O Invernadoiro, o Monumento Natural As Medulas e Vilamartín de Valdeorras.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.
