En portadaÚltima hora

Medio Rural permite excepcións á prohibición de pastoreo en zonas afectadas polos incendios do pasado verán

A Consellería vén de publicar na súa web unha instrución na que se contemplan estas excepcións, recollidas na normativa vixente

Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Consellería do Medio Rural vén de informar, a través dunha nota de prensa, de que vai permitir excepcións á prohibición de pastoreo naquelas zonas que se viran afectadas polos incendios forestais do pasado verán, tal e como se recolle na instrución publicada hoxe na páxina web. “Cabe sinalar que a posibilidade destas excepcións está recollida na normativa vixente, concretamente na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia; e no Decreto 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxico e de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada”, segundo a consellería.

Neste sentido, e segundo a normativa mencionada, poden autorizarse excepcións á prohibición xeral de pastoreo en terreos afectados por incendios forestais cando se acrediten perdas de difícil ou imposible reparación ou se constate a inexistencia de alternativas ao pastoreo nas áreas afectadas polos incendios forestais dentro da mesma demarcación forestal.

Ademais, poderán autorizarse excepcións nos supostos de pastos afectados por grandes incendios forestais nos que a Administración adoptase medidas extraordinarias dirixidas á consolidación de solos queimados, a trituración da vexetación queimada, a reparación de peches gandeiros e a reparación de infraestruturas. Nestas situacións poderanse recoñecer de oficio as perdas de difícil reparación e a ausencia de solucións alternativas.

Tendo en conta este contexto lexislativo, e ante a situación experimentada durante o mes de agosto de 2025 en canto aos incendios forestais, a través desta instrución autorízanse estas excepcións, co fin de evitar maiores prexuízos aos gandeiros, que doutro xeito terían que agardar dous anos para poder pastorear.

Considérase acreditada a concorrencia das circunstancias de perdas de difícil reparación e ausencia de solucións alternativas, recoñecéndose de oficio, polo que as persoas afectadas non terán que facer ningún trámite ao respecto.

En todo caso, cómpre lembrar que para aproveitar os pastos en montes ou terreos forestais nos supostos excepcionais aos que se refire debe respectarse o réxime xeral dos aproveitamentos forestais de pastos, que esixe dispoñer dun dereito de pastoreo; e débese tamén estar inscrito no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo de montes ou terreos forestais.

“Así mesmo, é importante salientar que non é a primeira vez que se outorgan este tipo de autorizacións que permiten o acceso do gando a superficies queimadas, sempre que se garanta que non produza un prexuízo medioambiental no monte. Na actualidade, esta excepcionalidade cobra especial relevancia pola superficie afectada tras a vaga de incendios de agosto, unha circunstancia que dificulta a alimentación do gando en extensivo, e de aí que a Xunta decida habilitar este tipo de medidas para dar resposta á necesidades dos gandeiros”, di Medio Rural.

Ligazón á web onde está publicada a instrución:
https://mediorural.xunta.gal/es/recursos/anuncios

Back to top button