EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Medio Rural promociona os viños galegos en Fenavin, coa participación de 26 empresas expositoras

Os consellos reguladores das cinco DO galegas -Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei-, así como das indicacións xeográficas protexidas, terán un espazo no que expoñer os seus viños de xeito individualizado

 

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe á inauguración da Feira Nacional do Viño (Fenavin) que se celebra en Cidade Real ata o vindeiro 8 de maio. A Consellería do Medio Rural está presente nesta nova edición dun dos eventos sectoriais vitivinícolas máis importantes do país, coa participación de 26 empresas expositoras.

Nun espazo de 378 metros cadrados, os expositores poderán levar a cabo as súas accións promocionais e comerciais, orientadas especialmente cara a exportación. Alí estarán representados dous postos da DO Ribeiro, 11 da DO Rías Baixas, cinco da DO Ribeira Sacra e dous de viños con indicación xeográfica protexida, un da IXP Val do Miño-Ourense e outro da IXP Betanzos, ademais súmanse outros seis de grupos de adegas multiDO que se identificarán coa denominación de orixe correspondente ademais da marca Galicia.

Ademais dos expositores, os visitantes poderán participar nun túnel do viño no que poderán desfrutar dos produtos das empresas presentes en Fenavin da man da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Por outra banda, os consellos reguladores das cinco DO -Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei- e de IXP terán tamén un espazo no que expoñer os seus viños de xeito individualizado. En total, haberá 159 viños e nove mostras de produtos das IXP Augardentes e Licores tradicionais de Galicia.

 

 

A presenza do sector vitivinícola galego en Fenavin é unha mostra máis da aposta do Goberno galego pola promoción deste eido produtivo, xa que eventos deste tipo serven para poñer en contacto directo aos produtores locais da nosa comunidade con consumidores potenciais. Ao mesmo tempo, resáltase a calidade pola que son coñecidas estas bebidas tanto dentro de Galicia como fóra. Neste 2025 a Axencia Galega da Calidade Alimentaria xa asistiu a eventos como a Barcelona Wine Week ou Prowein, en Düsseldorf, afianzando o compromiso da Consellería co impulso da comercialización dos viños galegos.

En definitiva, toda acción encamiñada ao impulso do viño galego e do sector contribúe a xerar riqueza, crear actividade agroeconómica e, especialmente, a fixar poboación nas zonas rurais.

Sobre Fenavin

Fenavin é considerado o maior evento nacional do sector do viño e na edición deste 2025 está previsto que asistan 2.000 adegas ou cooperativas, así como 15.000 compradores.

A maiores, a feira presenta un completo programa de actividades e unha galería do Viño, onde se poderán degustar 1.400 destas bebidas nun espazo de 1.000 metros cadrados. Os expositores tamén contan cun programa de contactos con compradores profesionais, o que lles permite axilizar a súa axenda durante os días de celebración desta feira.

Back to top button