A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitaron á Asociación de Veciños O Sarillo de Gomesende para comprobar as melloras realizadas no seu local social coas axudas do Plan específico de acción comunitaria de 2024, dirixidas a entidades veciñais, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.
A Xunta destinou uns 11.800 euros para melloras de eficiencia enerxética, coa substitución de portas e fiestras, saneamento e modernización dos sanitarios, con novo equipamento; melloras na accesibilidade ao local e outras obras de carácter xeral como a substitución do antigo chan de PVC para evitar humidades ou a pintura exterior do establecemento para lograr un mellor encaixe no entorno. Natalia Prieto explicou que estas obras permitirán reducir o consumo e aforrar custes grazas ás melloras de eficiencia enerxética, así como mellorar a comodidade dos usuarios da asociación veciñal.
A orde de subvencións do Plan específico de acción comunitaria contou este ano cun aumento de 1 millón de euros (un 33% máis respecto a 2024) e acada os 4 millóns de euros en vista do volume de solicitudes e do éxito das convocatorias en anos previos. De feito, xa están resoltas as axudas deste ano, que suman 391 entidades beneficiarias, case un cento máis que no pasado exercicio, cando foron 300. Medra tamén o número de proxectos impulsados, con 454 actuacións fronte ás 341 de 2024.
Precisamente, a directora xeral de Administración Local anunciou que un dos proxectos beneficiados é a renovación do mobiliario e do equipo audiovisual, así como a adquisición de equipo informático e cafetería da asociación O Sarillo; que contará cun investimento de 4.900 euros.
A meirande parte das entidades beneficiarias son da provincia de Pontevedra, con 160 e 172 actuacións subvencionadas e de Ourense, con 99 colectivos e 128 proxectos. Pola súa banda, Lugo suma 72 entidades e 82 actuacións, e A Coruña 60 colectivos e 72 proxectos. Desde a posta en marcha da medida, en 2016, a Xunta investiu preto de 26 millóns de euros nestas axudas, que permitiron impulsar máis de 2.000 proxectos. Segundo sinalou Natalia Prieto, estas achegas, dirixidas a asociacións veciñais e de mulleres rurais, así como a comunidades de usuarios de augas, enmárcanse no compromiso da Xunta co asociacionismo, que realizan un importante traballo na dinamización da vida local e na mellora da calidade de vida da cidadanía.

A través desta orde, o Goberno galego contribúe a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal. Deste xeito, poden ser obxecto de subvención os gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en inmobles da titularidade das entidades solicitantes ou sobre os que teña dereito de uso, no caso das asociacións de veciños e de mulleres rurais, así como os equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade e o seu funcionamento ordinario, e as obras nas traídas de auga comunitarias.
Apoio a obras e equipamento
Entre os proxectos subvencionables inclúense dúas liñas, unha delas dotada con 3,4 millóns de euros, para obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas.
A outra liña de axudas financia, cunha achega de 600.000 euros, a adquisición de equipamento necesario para o funcionamento das organizacións beneficiarias. En concreto, mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual, ademais doutro material básico para actividades específicas.
As axudas económicas poden acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos. Ademais, hai a posibilidade da concesión de anticipos de ata o 100% que se farán efectivos unha vez realizada a notificación da subvención, por solicitude da entidade beneficiaria.