
O Grupo de Ventos do Conservatorio Profesional e Escola de Música do Barco acadou, esta fin de semana, a Mención de Honra pola súa participación na IX Mostra Musical do Eixo Atlántico. O cuarteto participante, único representante da provincia de Ourense e composto por Carmen Ruiz Domínguez (saxofón alto), Iria Bárbara Rodríguez Ferrero (saxofón tenor), Martín Porto Oliveira (clarinete), e Aarón González Prieto (saxofón barítono) interpretou, na primeira fase, a obra “Suite Hellénique” de Pedro Iturralde, que lle permitiu o pase á final. Nesta última fase, interpretaron “Pequeña Czarda” do mesmo autor, unha obra espectacular e de moita dificultade.
Trátase da primeira vez que O Barco resulta distinguido nesta Mostra, un evento no que nesta ocasión participaron 103 intérpretes de 23 escolas de 21 concellos de Galicia e o norte de Portugal.
Para Manuel Prada, o director da Escola de Música, “o recoñecemento é moi importante; a actuación a preparamos durante moito tempo e competimos con cidades moi grandes musicalmente falando”. Subliñou a felicitación que recibiron dos membros do tribunal na que manifestaron o alto nivel do cuarteto barquense: “lles gustou moito a nosa actuación”.
O Auditorio Municipal acolleu o acto de clausura e entrega de premios dunha edición histórica para Vilalba, que reuniu durante varios días a xoves intérpretes de música clásica e jazz.
Un dos momentos máis destacados do acto foi a homenaxe ao músico portugués António Saiote, unha das figuras máis relevantes da música portuguesa contemporánea pola súa traxectoria como clarinetista, director de orquestra e docente, cunha importante labor na formación de novas xeracións de músicos.

Premios:
• Categoría Solistas Grupo A: Mafalda Silva, do concello de Gondomar.
• Categoría Solistas Grupo B: Gil Brito, do concello de Porto.
• Categoría Solistas Grupo C: João Rosa, do concello de Gondomar.
• Categoría Solistas Grupo D: Miguel Ribeiro, do concello de Santa María da Feira e o xurado atribuiu unha mención de honor a Romeu Machado, do concello de Fafe.
• Agrupacións de Cámara: Quinteto de Ventos, do concello de Vila Nova de Famalicão e o xurado atribuiu unha mención de honor ao Grupo de Ventos do Barco de Valdeorras.
• Agrupacións Maiores: o galardón quedou deserto e o xurado outorgou unha mención de honor á Minibanda de Sarria.
Fotos cedidas.