Co gallo da festividade do Día do Libro, no CEIP Condesa de Fenosa do Barco de Valdeorras están a realizar unha programación moi completa para “celebrarmos como se merece ao libro, á lectura e @s lector@s”. Nun primeiro lugar realizaban o tradicional mercadiño de intercambio de libros. “O mecanismo é moi simple, traemos un libro xa lido, axeitado á nosa idade e en bo estado da casa e @ nos@ titor@ váinolo cambiar por un billete do mercadiño (ata un máximo de 3 libros)”, explican dende o centro, engadindo que deste xeito, o día que lle toque o mercado a cada curso o alumnado pasa pola Biblioteca e pode mercar cos billetes do mercado os libros que máis lles gusten.

E xa o día propio, este xoves 23 de abril pola tarde o afamado grupo Migallas ofreceu dentro do programa Lectura e Familias, unha obra de teatro ao redor da importancia da lectura titulada O Libro Máxico. A actuación tiña lugar no Salón de Actos do colexio e supuxo “un intre no que as familias puideron compartir un espazo de amor aos libros, a maxinación e á familia”, aseguran dende o centro, avanzando que dentro desta programación o día 27 acudirá ao centro Paco Nogueiras para realizar un espectáculo de contacontos e música de animación á lectura para o alumnado de 1º de Primaria e 3 anos de Infantil.

Por último teñen pensado facer unha inauguración da entrada á súa Biblioteca, mediante unha visita guiada na que se explicarán todos os elementos que a compoñen. “Xa hai un tempo estamos a enfeitala (e ben feitiña que nos quedou como se pode comprobar nas fotos) para darlle un aspecto digno da importancia que a Biblioteca ten na vida do noso colexio·”, din, explicando que as visitas guiadas se realizarán na vindeira semana e, a máis do alumnado do centro, establecerán quendas para que as familias poidan asistir.

Fotos cedidas.