O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participaba esta mañá na inauguración da feira Fairway 2025, que celebra este domingo a súa primeira xornada. Xosé Merelles aproveitaba para destacar “a importancia de apoiar a profesionalización dos actores que interveñen na xestión da experiencia do Camiño de Santiago, un dos eixos sobre os que xira este acontecemento ao salientar como espazo de intercambio de experiencias empresariais e de emprendemento ao redor do Camiño”.
Ademais en valor a aposta pola sustentabilidade como eixo das políticas turísticas que se fan desde o Goberno galego. Xosé Merelles salientou o papel que xoga como elemento transversal, tanto na Estratexia de Turismo 2030 como no Plan director dos Camiños de Santiago 2022-2027. En ambos documentos deféndese un modelo sostible, cun turismo respectuoso coa poboación local e co medio ambiente.
Como exemplo das accións da administración cara a este modelo, Merelles incidiu no proxecto de sensorización do Camiño de Santiago, que está a instalar dispositivos de medición en distintas rutas que permiten recoller datos para unha mellor planificación na toma de decisións, máis axustada á realidade. Dos primeiros resultados estímase que, por cada Compostela emitida, circulan en promedio 1,7 peregrinos.
No que vai de ano, máis de 520.000 Compostelas foron emitidas pola Oficina do Peregrino. Isto supón un crecemento do 6% respecto ao mesmo período de 2024. Ademais, avánzase nos obxectivos de internacionalización, posto que o 57% de Compostelas proceden do ámbito internacional.
Cara este obxectivo de sustentabilidade apuntan tamén os orzamentos para 2026 da Xunta no eido turístico, que destinan 125,92M€ na busca dun crecemento sostido da demanda turística e da preparación para o Xacobeo 2027.
En relación co Camiño de Santiago prevense distintos investimentos, destinados a garantir o correcto estado das infraestruturas xacobeas, así como a impulsar a súa promoción. Entre eles, está previsto un Plan especial de promoción do Xacobeo 2027, dinamizando a programación previa ao redor da cultura xacobea con 3M€.
Fairway
No marco do Fairway 2025, celébrase tamén o VI Fórum do Camiño de Santiago entre o 9 e o 11 de novembro na Cidade da Cultura. En 2025 cumpre dez anos desde a súa primeira celebración. Considérase o único Fórum de profesionais do Camiño de Santiago e o primeiro congreso con feira tematizado co fenómeno xacobeo a nivel internacional.
A xornada do domingo 9 é a do Open Day e está aberta a todo o público, con actividades como rutas guiadas, escape room, obradoiros e experiencias de tipo gastronómico, música e sorteos. O luns 10 e martes 11 sumaranse á programación lúdica conferencias, mesas de debate e obradoiros, baixo as claves de sustentabilidade e turistificación.