EconomíaEconomíaÚltima hora

Merelles visita dúas actuacións de Turismo de Galicia no Bolo: unha no castelo e outra no Santuario das Ermidas

Achegábase ás obras de rehabilitación dun espazo na contorna do Castelo do Bolo que permite incrementar os servizos turísticos do recurso e, no Santuario das Ermidas, as intervencións realizadas para a posta en valor do seu patrimonio artístico

 

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou esta mañá dous recursos do concello do Bolo nos que actuou recentemente a Xunta de Galicia mellorando estes espazos patrimoniais. Durante a súa visita, Xosé Merelles destacou “a importancia da actividade turística no rural capaz de dinamizar o desenvolvemento económico desta contorna e xerar riqueza e benestar entre a cidadanía”.

Xosé Merelles visitou en primeiro lugar a actuación realizada no Castelo do Bolo que permitirá incrementar os servizos aos visitantes do espazo. A actuación consistiu no reacondicionamento dunha edificación destinada a lavadoiro para a súa adaptación de cara á prestación de servizos a usuarios e visitantes do Castelo. Turismo de Galicia investiu nesta actuación un total de 30.000 euros financiados no marco da convocatoria pública dirixida a concellos de menos de 10.000 habitantes á que se destinou un total de 2M€.

A continuación, o director de Turismo de Galicia visitou o Santuario de Santa María das Ermidas onde supervisou a restauración de varias obras artísticas ubicadas no seu interior que contaron co apoio da Xunta de Galicia. En concreto, interveuse no Retablo do Camarín así como en catorce obras pictóricas en 2024 e neste 2025 . Entre eles, restauráronse os retratos de San Vicente Ferrer e o bispo Antonio Senso Lázaro. O Retablo  do Camarín data de época barroca, mentres que os cadros restaurados son dos séculos XVIII e XIX.

O director de Turismo de Galicia destacou que se trata de varias actuacións que revalorizan estes dous elementos referente do patrimonio arquitectónico do Bolo. Así o Castelo do Bolo data do S. XII e S. XIII, e acolle un centro de interpretación que narra a evolución do castelo desde a súa orixe ata a actualidade. Na contorna do castelo celébrase a Feira Irmandiña, que este ano alcanzou a terceira edición.

O Santuario das Ermidas foi declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia en  2006. É unha xoia do barroco galego e un dos principais santuarios marianos de Galicia. “Os dous recursos son unha clara aposta da Xunta por un turismo auténtico que amose aos visitantes a singularidade do destino”, afirmou.

Ademais, Xosé Merelles destacou que o seu departamento leva investidos máis de 2,8 millóns de euros nesta comarca entre 2024 e 2025 impulsando o enoturismo da zona, mellorando a seguridade do Camiño de Inverno e tamén os recursos turísticos dos concellos de Larouco, A Veiga, Carballeda de Valdeorras e Petín.

Finalmente, o director de Turismo, referiuse aos datos turísticos da provincia de Ourense que indican que de xaneiro a outubro deste ano recibiu a visita de máis de 289.000 viaxeiros que fixeron 560.658 noites en establecementos hoteleiros. Salientou ademais o incremento rexistrado en turistas internacionais que medraron o 5,5%.

Back to top button