EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Merelles visita unha cova rehabilitada en Seadur (Larouco) que acollerá o futuro Centro de Interpretación do Viño de Valdeorras

Nesta edificación realizouse un investimento de 145.000 euros con fondos Next Generation

 

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou hoxe o concello ourensán de Larouco onde coñeceu o resultado dunha das actuacións incluídas no Plan de Sostibilidade Turística (PSTD) Valdeorras, ruta do viño milenaria, xestionado polo Grupo de Desenvolvemento Rural-GDR de Valdeorras e cofinanciado con fondos europeos Next Generation co apoio e asesoramento de Turismo de Galicia. En concreto, comprobou os traballos de rehabilitación integral da cova de Seadur que se converterá no futuro centro de interpretación do viño “e suporá un importante impulso ao enoturismo da comarca de Valdeorras”, valorou.

Esta actuación supuxo un investimento de preto de 150.000 euros e completouse en aproximadamente catro meses, transformando o espazo nun novo recurso que “dará resposta aos viaxeiros que visiten a comarca de Valdeorras con recursos tan singulares e propios como son as covas”, expresou. A cova, adquirida no seu día pola Asociación As Covas de Seadur e cedida en uso ao Concello de Larouco, foi sometida a unha rehabilitación integral que incluíu o acondicionamento xeral, a fixación de paredes e teito, e a instalación dun baño, entre outras melloras.

O obxectivo é que o espazo acolla no futuro catas e actividades vinculadas ao viño de Valdeorras, contribuíndo ao desenvolvemento turístico e económico da comarca “na liña dos obxectivos de Turismo de Galicia que aposta por dinamizar o rural da man da recuperación do patrimonio e a súa posta en valor turística”, engadiu.

 

Neste visita Merelles estivo acompañado pola alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, quen se refería “a esta rehabilitación, que quedou marabillosa, e moi enmarcada no entorno do resto do entorno de Seadur”. Así mesmo incidía en que “o patrimonio non se escapa da veciñanza de Seadur, este acordo de que eles a compran e o Concello a colla como cesión para obter a subvención penso que é algo que deberíamos explotar máis nos municipios. Así non vén ninguén de fóra, porque esta era unha cova moi atractiva, que se estaba intentando mercar por outros medios e deste xeito non marcha para fóra e non queda en mans privadas, toda a comarca poderemos desfrutar dela e quede como patrimonio de todos”.

Pola súa banda, Elena Álvarez, a presidencia da Asociación As Covas de Seadur, agradecía o patrocinio de Turismo de Galicia para este tipo de iniciativas que “nos axudan a recuperar o noso patrimonio e a non perder a nosa herdanza”, así como ao Concello de Larouco, que logrou a axuda que “nos permitiu restaurar as covas”.

Este edificio rehabilitado vai ser a nova sede da asociación e tamén nel vanse “expoñer Galicia Calidade vai poñer os viños da próxima ruta e vai ser o centro neurálxico desa ruta”, segundo avanzaba a alcaldesa, “e intentaremos abrilo como centro de interpretación do viño na comarca. Creo que é a primeira cova propiedade municipal e de coveiros”. Ademais este entorno vaise declarar Ben de Interese Cultural (BIC) o entorno destas covas.

 

 

Diversificación e impulso do rural

A intervención na Cova de Seadur está incluída dentro dunha das máis de 10 actuacións do PSTD Valdeorras, ruta do viño milenaria que conta cun orzamento total de 1,5 millóns de euros xestionados polo GDR de Valdeorras, a quen o director de Turismo agredeceu tamén o seu traballo con iniciativas como esta e outras realizadas nos concellos de O Barco de Valdeorras, A Rúa, A Veiga, O Bolo, Petín, Vilamartín de Valdeorras, Rubiá, Larouco e Carballeda de Valdeorras ao abeiro deste plan cofinanciado pola Unión Europea a través dos Fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation

“Os fondos europeos Next Generation están a demostrar que, se se xestionan de forma correcta e áxil permiten obter resultados que contribuirán a que o modelo turístico de Galicia se siga diversificando e mellorando”, expresou Xosé Merelles.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button