“Cando intentas facer unha cunca coas mans para beber, por moito que apretes os dedos, a auga vaise coar entre eles e vai cair. E iso é o que intentan facer coa súa vida os personaxes de La noche líquida, coas súas lembranzas e coa súa maneira de afrontar o día a día. Ese é o eixo líquido do libro”. O escritor valdeorrés Miguel Garrido de Vega describía deste xeito aos protagonistas que habitan as páxinas de La noche líquida (Páginas de espuma), na presentación que facía deste volume de contos na tarde do 13 de marzo no Barco.
Estaba acompañado neste acto, que se desenvolvía na Casa Grande de Viloira (O Barco), polo presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV), Aurelio Blanco Trincado; e pola concelleira de Cultura barquense, Margarida Pizcueta, quen era quen o presentaba e despois facía unha intervención co autor a modo de entrevista para irlle descubrindo o libro aos asistentes.
Non é un libro de terror, e mesmo hai algún relato cun tono humorístico. E neles o que lle interesa como autor é plasmar unha sensación. Todos os seus personaxes buscan algo, algúns fuxen, outros actúan con violencia, “están no límite entre unha cousa e outra, e emocionalmente non son capaces de admitir o que realmente son ou o que lles gustaría ser”, dicía Garrido.
Sobre o autor
Miguel Garrido de Vega (O Barco de Valdeorras, 1989) é escritor e avogado. Foi finalista do Premio Nadal 2025. Colabora habitualmente coa revista literaria Zenda, a revista cultural El Asombrario, a revista sobre cultura xaponesa Kaibun e a revista sobre o mundo do haiku Hotaru, entre outros medios.

A súa primeira novela, Meigallo (2017), resultou finalista nos Premios Ignotus 2018. Os seus relatos publicáronse en editoriais como Salto de Página, Eolas ou Orciny Press, e tamén pola Escola de Imaginadores; foron seleccionados por Pórtico-AEFCFT entre o máis destacado do xénero escrito en España entre 2015 e 2018, e foron premiados polo Concello de Ferrol, Bibliotecas Públicas de Madrid ou Eurostars Hoteis, entre outros.

Os seus haikus resultaban recoñecidos e incluídos en antoloxías colectivas, codirixe *terror añadido –un pódcast sobre o mundo laboral, a saúde mental e outros terrores cotiáns–, colabora co pódcast literario Novembro Nocturno, coordina clubs de lectura e é profesor de escritura creativa. La noche líquida (2026) é o seu primeiro libro de contos.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.


