
O XIV Concurso de Microrrelatos que convoca o Concello de Parada de Sil vén de bater o récord de participación ao acadar o tope regulado nas bases de mil participantes. O alcalde, Aquilino Domínguez, amosa a súa “total satisfacción pola alta participación así como a diversidade da mesma. Na modalidade en castelán concorren ós premios 908 microrrelatos dos que 636 son de España, de todas as comunidades autónomas e Ceuta e Melilla, sendo a máis numerosa Madrid con 136 e logo Andalucía comunidade da que proceden as gañadoras das dúas últimas edicións”, apunta.
Recibíronse traballos da meirande parte dos países de América Latina, nomeadamente de Arxentina con 89, México con 37 ou Colombia con 27. Tamén participan seis países europeos e, como anécdota, cabe sinalar que hai un microrrelato de Kazajistan.
En canto a participación en galego, que tamén conta cun premio de 1.000 euros, concorren 92 microrrelatos, sendo A Coruña, con 38, a provincia máis numerosa e “tamén como anécdotas temos un relato en galego de Chile o outro de Reino Unido”.
Dende a organización do concurso destacáse que “é obvio que o certame cumpre os dous obxectivos para o que é convocado, a creación literaria e dar a coñecer a Ribeira Sacra e Parada de Sil, que agardamos que na votación que terá lugar en Corea academos a distinción de Patrimonio da Humanidade”.
A partir de agora empeza o duro traballo do xurado, os profesores Antonio Carreño, Arturo Fernández e Delfín Caseiro que, de xeito desinteresado, procederán á corrección destes microrrelatos. Os premios deste curso serán entregados o día 16 de maio no salón de usos múltiples do Concello, con motivo da festividade das Letras Galegas.