En portadaÚltima horaVídeos

Milladoiro abre o XIX Festival Folk & Rock nas Portelas, en Lubián (Zamora)

 

A localidade zamorana de Lubián ten por diante un intenso verán cultural con propostas moi variadas e para todos os públicos, entre as que destaca o Festival Folk & Rock nas Portelas que este ano celebra a XIX edición.

 

 

Na tarde do mércores 6 de agosto tiña lugar un emotivo e animado encontro de bandas de música tradicional no que actuaban o Rancho Folclórico Os Moleirinhos do Gadahna de Portugal, a Asociación Cultural Abertal da Rúa, Atrapallada de Puebla de Sanabria, Celtúria de Valencia e As Portelas de Lubián.

 

 

E xa pola noite, na praza Nova da Fontarbela, arrincaba o festival coa actuación de Milladoiro que leva activo máis de corenta anos e traspasou fronteiras co seu folk baseado na tradición musical galega. Antes da actuación, un dos seus integrantes históricos, Vicente Ferreirós, recoñecía que era a segunda vez que actuaban en Lubián. “Estivemos xa hai uns 17 anos, nun acto máis pequeno pero que nos gustou moito, cun trato excelente”, dixo, encantados de estar de novo “nun entorno coma este, maravilloso, cun pobo cheo de vida”.

 

 

Ferreirós asegura que para eles é un pracer actuar en Lubián, “un concello bilingüe en Zamora con clases en galego, algo que para nós é moi importante e esperamos que se manteña”, dixo antes de subirse ao escenario para conquistar ao público coa súa música galega, o máis tradicional posible pero con “brochazos novos”, facendo que desfrutara “como desfrutamos nós sobre o escenario”.

O broche á primeira noite do festival poñíano os asturianos Guieldu e hoxe será a quenda do rock, cos galegos A Banda do Elías e os zamoranos Riders on The Doors.

 

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Back to top button