Para “reivindicar o noso dereito a ter unha sanidade pública acorde aos tempos e o territorio, unha sanidade do século XXI no sur da desenvolvida Europa”, milleiros de persoas tomaban as rúas do Barco, desafíando á chuvia e ao frío, na tarde deste sábado 22 de novembro. Sumábanse a unha manifestación, convocada pola Plataforma Sanitaria de Valdeorras, que enchía a estrada xeral da vila e cuxa saída tiña ás 18h. diante do Hospital Público de Valdeorras. Entre as numerosas persoas asistentes (arredor de 4.500 segundo as cifras que manexa a Policía Local do Barco e 5.000 segundo a plataforma), chegadas de diferentes puntos do oriente ourensán e de Galicia, había diversos representantes políticos, entre eles a voceira nacional do BNG, Ana Pontón; ou a viceportavoz segunda do Grupo socialista e secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; ademais de parlamentarios e deputados de ambas formacións políticas e alcaldes e concelleiros dos municipios do oriente ourensán.
A manifestación camiñaba ao longo da avenida Conde Fenosa, das rúas Marcelino Suárez e Manuel Quiroga, mentres coreaban os participantes coreaban consignas como “Atención de calidade na nosa sanidade”, “Rueda escoita Valdeorras está en loita”, “Queremos ser os atendidos, non os esquecidos”, “A sanidade non se vende, se defende”, “Queremos un neumólogo para Valdeorras”, “Fóra estes xestores, queremos outros mellores” ou “Máis especialistas para Valdeorras”.
Despois cruzaban a ponte de San Fernando, sobre o Sil, para dirixirse á praza Ramón Otero Pedrayo de Viloira, onde se procedía á lectura do manifesto.
“A situación do noso distrito sanitario é preocupante: cun territorio de 1424,45 Km2, un censo de 30.555 habitantes espallados por 12 concellos e unha densidade, en conxunto, de 21,5 habitantes por Km2 (algún dos cales: A Veiga ten unha densidade de poboación de 3,12 habitantes por Km2), vese obrigado a sufrir as carencias dun sistema sanitario público que está sendo conducido ao esmorecemento e á desaparición por uns xestores do Sergas que intentan a recentralización en Ourense dos servizos sanitarios, xestores que camiñan de forma metódica cara á privatización da atención sanitaria e a desaparición da sanidade pública”, tal e como comezaba dicindo o texto, ao que lle poñían voz tres persoas distintas, a primeira delas, Orlando Saavedra, concelleiro de Sanidade do Barco.
Así mesmo no manifesto incidíase na situación do Hospital Comarcal de Valdeorras, que, segundo dicían o manifesto “sofre un continuo baile de servizos e profesionais que fai inviable a atención sanitaria que como cidadáns e cidadás dunha Europa do século XXI deberiamos ter. A desconsideración dos xestores sanitarios cara a nós é notoria. A falta da máis mínima planificación é palpable, a desidia e a indiferencia por parte dos directivos da área e distrito marcan o noso padecer”. A partir de aí detallaban cuestións “que vemos como que as listas de espera medran e se falsean, como as reclamacións da cidadanía contéstanse en branco, como desaparecen citas dos buzóns. Como se espera meses e meses por consultas ou probas necesarias e nalgúns casos vitais para enfermos como os oncolóxicos, como algúns enfermos chegan ás consultas sen ter as probas necesarias feitas”.
Tamén, proseguía o manifesto, “vemos como desapareceron prazas e profesionais de enfermaría e medicina: coordinadores e xefes de sección ou servizo que tiñan actividade clínica e foron desprazados eses postos e cartos ao CHUO. Vemos como non se fai caso aos nosos problemas e situacións específicas, como por exemplo a silicose, negándose unha e outra vez a modificar a dotación orzada para transformar unha praza de medicina interna nunha de pneumoloxía. Vemos continuamente un baile de especialistas que impiden un seguimento efectivo das nosas patoloxías. Vemos que a Hospitalización a domicilio (HADO) é unha parodia infradotada comparada coa HADO doutros distritos. Vemos como se nos oculta información da realizade do HPV. Vemos que o servizo de medicina interna, antes columna vertebral do hospital, hoxe fica por veces semanas enteiras sen poder atender as consultas externas por falta de profesionais. Vemos como os tempos de agarda para probas diagnósticas son inasumibles xa que en moitísimos casos non están realizadas cando o precisa o paciente para acudir a unha consulta. Vemos como as listas de espera para intervencións cirúrxicas no HPV incrementáronse nun 44 % con respecto ao semestre anterior segundo os datos do Sergas”.

Aludían tamén á atención primaria, comentando que “os nosos centros de saúde tamén sofren ataques sistemáticos e perderon recursos humanos nos últimos anos coa desculpa da escasa poboación: O Bolo, A Veiga, e Rubiá perderon cada seu médico sen terse en conta a dispersión poboacional, o envellecemento poboacional, as dificultades para acudir aos centros distantes, a cronicidade, a pluripatoloxía e a polimedicación. A algúns centros péchanlles a súa consulta médica por semanas en caso de ausencia do seu ou a súa MAP (médico de atención primaria), a outros envíaselles médicos ou médicas por media xornada e noutros recortan as dotacións un día si e outro tamén sen cubrírselles as baixas nin os permisos”.
Unhas circuntancias, apuntaba o manifesto da plataforma, que “dá lugar a esperas nunca vistas para sermos atendidos polos nosos médicos e médicas de cabeceira, esperas que agravan as nosas enfermidades e póñenos en perigo. E relevante tamén a ausencia dun pediatra nos Centros de Saúde desde hai máis dun ano, ou que a atención pediátrica se límite a un día á semana nos centros de saúde mais alonxados , ou que nin se contemple a presenza de xeriatras para atender os nosos avós. Cnado vemos todo iso empezamos a ver a realidade da primaria do noso distrito. Négasenos sistematicamente unha ambulancia de soporte vital avanzado (SVA) encadrada dentro da rede de transporte urxente do 061 pese ás nosas cifras de sinistralidade, a nosa dispersión xeográfico e a nosa distancia da capital”.
O texto continuaba apuntando que “basta saír á rúa para darse conta de como estamos. Falar cos pacientes, cos nosos veciños e os profesionais é o mellor dato e explicación posible. Non hai outra alternativa que saír ás rúas e loitar para defender o noso dereito a unha sanidade pública universal e gratuíta, unha sanidade de calidade e próxima. Isto non é unha queixa illada, non é un resentido ou resentida protestando: isto é unha sociedade maltratada que sae á rúa en masa a esixir os seus dereitos, unha sociedade que entende que o que pasa na sanidade deste distrito non é algo casual senón premeditado e aplicado de forma inmisericorde.Unha sociedade que ademais sabe e comprende cada vez mellor que o poder está nos seus votos”.
A última das voceiras da plataforma concluía expresando o seu agradecemento a “representantes políticos e sindicais por acompañarnos. Grazas a alcaldes, alcaldesas e corporacións municipais pola vosa axuda e compaña. E sobre todo, grazas cidadáns e cidadás, compañeiros e compañeiras, xentes dos 12 concellos: O Barco , A Rúa, Vilamartín, Rubiá, Carballeda, O Bolo, A Veiga, Larouco, Viana; Petín, Trives e Manzaneda. Xente das múltiples asociacións do noso distrito, asociacións que colaboran man a man con persoas individuais porque entre todos e todas conformamos esta Plataforma Sanitaria de Valdeorras”. E finalizaba cunha clara mensaxe “seguiremos loitando por unha sanidade pública digna para o noso distrito sanitario”.
No operativo para garantir a seguridade dos asistentes e regular o tráfico contábase coa presenza da Policía Local do Barco, da Garda Civil, de Protección Civil do Barco e do GES Valdeorras.

Ao remate da manifestacións, os representantes da Plataforma Sanitaria de Valdeorras agradecían “a toda a cidadania a maravillosa e masiva mobilización que, malia ao tempo inapacible e o frío, decidiu sair ás rúas do Barco por milleiros, calculamos perto de 5.000 persoas, en defensa dunha sanidade pública de calidade”.
Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.
Vídeos: O SIL.



