Nun segundo plano deixaba este xoves a Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) as súas reivindicacións na concentración que celebraba ás 11h. diante do Hospital Público de Valdeorras, no Barco. “Hoxe non é un día fácil para ninguén”, comezaba dicindo o seu presidente, Jose Rodríguez, explicando que a intención era suspender este acto reivindicativo que celebran semanalmente para pedir un servizo de neumoloxía propio para Valdeorras, pero non foi posible.
Ante iso, a concentración estivo dedicada ás vítimas e afectados polo accidente ferroviario de Urda (Toledo) e comezaba cun minuto de silencio en memoria dos falecidos e tamén en sinal de dó e solidariedade cos feridos e afectados e coas súas familias. “Dende Asilival estamos con todos eles”, concluía o presidente, tras o minuto de silencio.
Desta volta na concentración non había consignas nin berros reivindicativos, simplemente aplausos en sinal de solidariedade.
Fotos e vídeo: O SIL.