
A Asemblea Comarcal celebrada polo BNG Arnoia-A Limia, vén de escoller, por unanimidade, a Mirian Opazo como nova responsable comarcal. Toma así o relevo de Marcos Nogueiras – alcalde de Vilar de Santos –, que “deixa esta responsabilidade tras unha etapa na que o BNG reforzou a súa presenza política nun territorio no que o nacionalismo conta actualmente con tres alcaldías e unha importante implantación municipal”, segundo a formación nacionalista.
Desde o BNG destacan que Opazo “xa demostrou sobradamente a súa capacidade de traballo, o seu criterio político e o seu compromiso coa organización e coa comarca”. “Mirian é un valor do BNG no presente e, precisamente por iso, ten tamén unha brillante proxección de futuro”, sinalan.
Mirian Opazo afronta esta responsabilidade “desde o coñecemento directo do territorio e da realidade da Arnoia-A Limia así coma do funcionamento da organización, cunha vontade clara de seguir afianzando o proxecto nacionalista, ampliar a súa capacidade de incidencia política e social, e fortalecer o traballo das estruturas locais”.
A nova responsables di que asume “esta responsabilidade con moita ilusión, pero tamén con total consciencia do que significa. O BNG ten aquí unha base organizativa moi forte, con moita xente comprometida, e o noso reto é seguir facéndoa medrar e conseguir que cada vez máis persoas vexan nela unha ferramenta útil para transformar a nosa comarca”.
Opazo reivindica unha política baseada na proximidade e no contacto directo coa veciñanza. “A xente está – estamos – cansos da política que se fai desde os despachos, en Madrid. No BNG tratamos de estar todos os días no territorio, escoitando, acompañando e defendendo os intereses das nosas veciñas e veciños. Hai moito por facer e temos unha organización e un equipo perfectamente preparados para facelo”, afirma.
Entre os principais retos que identifica para a Arnoia-A Limia están a defensa dos servizos públicos, o futuro do sector agrogandeiro, o acceso á vivenda, as oportunidades para a mocidade ou os problemas de mobilidade. “En definiIva”, apunta, “a necesidade de garantir que vivir no rural non signifique ter menos dereitos”.
A nova dirección comarcal estará formada, ademais, por Vanessa Díaz, de Xunqueira de Ambía, como vicerresponsable, e Roi García, de Allariz, como responsable de organización. O equipo contará tamén con Sonia Fondevila, de Porqueira, como persoa contratada de apoio ao traballo político do BNG na comarca.