Din que é de ben nacido ser agradecido, de aí a importancia e boa acollida que tiña o acto de fraternidade e recoñecemento aos voluntarios que axudaron na extinción dos incencios que neste fatídico mes de agosto afectaron duramente aos municipios de Viana do Bolo e Vilariño de Conso.
No mediodía deste domingo 31 de agosto a explanada do Alto do Fradelo, xunto á capela de San Ciríaco, o límite xeográfico entre os municipios de Viana e Vilariño, acollía unha emotiva romaría que reunía a numerosos veciños de ámbolos dous concellos, entre os que estaban representantes municipais, e ata militares que están na zona.
A idea de organizar este acto para crear unidade e tamén recoñecer o labor desinteresado levado a cabo polos voluntarios, xurdía en plena onda de incendios e hoxe levábase a cabo cun sinxelo pero completo programa que comezaba arredor das 12:30 horas cunha misa campestre concelebrada polo párroco de Viana, D. Antonio e o diácono D. Jesús, subidos ao remolque dun tractor a modo de altar presidido polo santo e a Virxe.
No sermón, o sacerdote lembrou a catástrofe dos lumes “grabados no corazón”, asegurando que “a crítica non vai a ningures”, en referencia ao vivido días atrás cando a zona estaba ardendo. “Escoitando os medios de comunicación parece que o único que quedou de todo é a crítica e a un cáeselle a alma aos pés porque non trae nada bo pensar que a culpa foi deste ou aquel. Cando empezou o lume aquí, uns tardaron en reaccionar e outros tamén”, dixo. Por iso convidou aos asistentes a “non usar a crítica” e a facer que todo o que pasou sirva para “facernos reaccionar e pensar en que andan as cousas mal no ambiente que nos rodea”. Asemade, destacou o labor da xuventude na que pensou moito estes días de caos. ¿Que tería sido de nós se os poucos mozos que temos nos pobos non houberan actuado? Teñen pouco ou nada a favor pero descubrín dúas cousas que teñen: a xuventude, un tesouro que teñen nas mans; e a dimensión xeográfica á que pertencen, onde naceron e onde se criaron”.


No decurso da misa, tiña lugar a bendición dos tractores e medios municipais cos que axudaron a extinguir o incendio e de seguido, baixo a carpa intalada para a ocasión, un xantar fraternal a base de porco ao espeto e polbo á feira.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.