Ao pasado eremítico e ás orixes do que hoxe é o Santuario das Ermidas (O Bolo) referíase o bispo de Astorga, monseñor Jesús Fernández, na homolía da misa da Romaría do Rosario neste conxunto relixioso. Este celebración principiaba ás 10h. deste 6 de outubro coa misa de enfermos, despois tiña lugar o rosario ás 12:30h. e media hora despois a misa solemne que se iniciaba cunha procesión que daba a volta ao adro do santuario.
Numerosas persoas chegadas dende diferentes puntos do oriente ourensán, algunhas viñan camiñando en peregrinación, dábanse cita nesta romaría, que se enmarcaba ademais na celebración dos actos do cuarto centenario do santuario. “Son 400 anos de historia e de fe. Son moitas xeracións as que teñen vivido a súa fe nun lugar como este, por iso este aniversario é un acontecemento tan especial”, dicía un dos párrocos das Emidas, José Antonio Crespo ao inicio da cerimonia relixiosa.
A misa contaba tamén coa presenza de diversas autoridades, entre elas o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; a delegada especial da Deputación para Valdeorras, María Carmen González; o alcalde do Bolo, Alberto Vázquez, así como outros rexedores e concelleiros da parte oriental da provincia.

Durante os actos contábase coa colaboración de Protección Civil do Bolo, que coordinaba a circulación de vehículos na zona e velaba pola seguridade.
Fotos e vídeos: O SIL.

