
Durante tres intensos días de visitas a Portugal, os GDRs Sil-Bibei-Navea e Adercou, cos seus presidentes e equipos técnicos á fronte, puideron coñecer distintos emprendementos locais como xestión de cámping con múltiples actividades de natureza nun parque natural, unha fábrica de chocolate, varias adegas que desenvolven o enoturismo como unha actividade complementaria á produción de viño, pero moi importante, e algunha delas sendo tamén hospedaxe.
Tiveron tres encontros institucionais un co CIM do Alto Miño, onde o seu presidente explicou os proxectos que se están a levar a cabo en sectores moi distintos como pode ser a inclusión social de inmigrantes ou un programa de atención a persoas maiores como acompañamentos ao mercado ou ao centro de saúde e a colaboración con empresas para aplicar o software dunha empresa portuguesa con versatilidade para exercicios de memoria das persoas maiores e outras actividades. Salientaron a importancia de ter recuperadas casas antigas de pastores para convertelas en casas rurais, dando lugar mesmo a unha ruta de sendeirismo.

O último encontro institucional foi co grupo ADRAT, Asociación de Desenvolvemento Rural do Alto Támega onde o seu xerente explicou o funcionamento do grupo bastante similar aos GDRs presentes pero co engadido de que xestionan moitos máis programas como Erasmus, Interreg e outros. “No que ten que ver co seu grupo de acción específico só financian axudas a agricultura porque así o permite a lexislación portuguesa, elemento diferenciador coa lexislación destes GDRs, xa que en Galicia para o sector agrícola a Xunta dispón doutras liñas de financiamentos”, tal e como indican dende os GDRs ourensáns. Falouse tamén de viño, e castañas entre outras temáticas.
No medio mantívose unha reunión de traballo coa Área de desenvolvemento económico de Vila Nova de Familaçao onde os responsables explicaron con detalle a creación dun selo para os produtos alimenticios, un packaging rupturista , un márketing revolucionario e a transformación de froitas e verduras en cremas gourmet en envases de deseño. Chamou a atención o feito de que as cestas de Nadal da maioría das empresas levan produtos locais, viño, mel, chourizos, marmelada e queixo locais, iniciativa de alto interese promocional e que pode ser replicada, coas adaptacións correspondentes.

En todas as reunións tanto institucionais como con emprendedores púxose de relevo a necesidade de traballar na sostibilidade en todos os elementos da cadea de produción e distribución así como a cooperaciónn entre distintos territorios.
A visita era cualificada como de moi positiva a pesares da suspensión de actividades previstas pola choiva.
Fotos cedidas.