
Na mañá deste martes 21 de xullo producíase un grave accidente na N-120 ao seu paso pola Rúa no que se vían implicados dous vehículos, un turismo e unha ambulancia de Cruz Vermella.
A colisión forntal tiña lugar pasadas as 11:30 horas no PK 465, próximo á primeira entrada da localidade vindo do Barco. Segundo os primeiros datos do 112 Galicia “podería haber unha persoa atrapada, que segundo o particular que deu aviso sería o condutor da ambulancia”, resultando “feridos graves”, segundo puntualizan dende a Garda Civil, ambos conductores que eran estabilizados.
Ata o punto acudían urxencias sanitarias do 061 que desprazaban o helicóptero medicalizado con base en Ourense, estando alertados tamén os bombeiros do parque comarcal, o GES Valdeorras, a Garda Civil de Tráfico, Policía Local da Rúa e Protección Civil da Rúa.
Tal como indican dende o 112, os bombeiros tiveron que excarcerar ao condutor da ambulancia, que foi evacuado no helicóptero ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. “Ao mesmo tempo, tiveron que axudar a retirar á ocupante do turismo, que sería levada en ambulancia ao Hospital de Valdeorras”
Dado o aparatoso que foi o accidente, ocupando os dous carrís, a estrada tiña que ser cortada ao tráfico mentres realizaban os labores de rescate e limpeza da mesma.

Fotos cedidas.