Na mañá deste mércores 23 de setembro, presentábase na Rúa unha moción conxunta do Bloque Nacionalista Galego e o PsdeG-PSOE de apoio á manifestación en defensa da Sanidade Pública convocada pola Plataforma Sanitaria de Valdeorras para o vindeiro 17 de outubro no Barco.
As características socioeconómicas, culturais e orográficas dun territorio e unha poboación, condicionan como esta nace, cal é o seu ciclo vital, as enfermidades que padecerá ao longo da súa vida, e incluso a forma en como esta morre. “As nosas características orográficas, con terreos de montaña, dispersión poboacional, illamento, vías de comunicación en malas condicións, climatoloxía adversa nos invernos, poboación envellecida, pluripatolóxica e polimedicada e vehículos antigos son un caldo de cultivo para os accidentes de tráfico ou a imposibilidade de acceso axeitado ás prestacións sanitarias”, indica a moción, destacando que o índice e severidade da sinistralidade laboral, e en xeral no seu conxunto, ocupa postos destacados no estado español mais a “administración sanitaria négase implantar en Valdeorras unha base do 061 con ambulancia de soporte vital avanzado medicalizada (SVA) ou de SVA con enfermaría (SVAE)”.
Tamén explica que a participación social no ámbito sanitario é un dos principios reitores do sistema público de saúde da Galiza estabelecido no artigo 32 da lei 8/2008 de Saúde da Galiza. “E a lei 1/2018 que a modifica, especifica no seu artigo 23 que a participación social realizarase a través dos Consellos de Saúde de Distrito. Mais pese a iso continúan sen implantarse os Consellos de Saúde de Distrito nin dar información dos datos das patoloxías prevalentes recollidos a través do Conxunto Mínimo Básico de Datos obtidos na atención hospitalaria no noso Distrito Sanitario, roubándolle á cidadanía o seu dereito a participar na planificación sanitaria”. O dereito á información en materia de persoal sanitario, ven reflectido entre outros no artigo 10, apartados a, e b, da Lei 1/2016 de Transparencia e bo goberno da Galiza, mais négase a administración sanitaria a dar por escrito unha información clara das prazas básicas e xefaturas médicas e facultativas que ten o Hospital Público de Valdeorras (HPV), de cantas están cubertas, cantas vacantes e cantos contratos temporais hai por cada un dos servizos clínicos e asistenciais do HPV. máis que lei de transparencia “aquí implantaron a lei de opacidade”, aseguraba a voceira do grupo municipal socialista Ana Fernández Vizcaya, responsable de defender a moción.
Ana destacaba que “cando vemos que a destrución do tecido sanitario do noso distrito é incuestionábel, cando vemos a infradotación en recursos humanos tanto da atención primaria como hospitalaria, a perda de servizos clínicos no HPV, a inadecuación da carteira de servizos ás patoloxías prevalentes na zona, a ausencia de pediatras en atención primaria, inexistencia de xeriatras para unha poboación envellecida, un HADO con escasos recursos e posibilidades, a non cobertura de permisos e baixas, a excesiva rotación de persoal facultativo, o escaso tempo de consulta por paciente, a negativa a dotar ao noso distrito dunha base do 061 cunha ambulancia medicalizada ou de SVAE, o escurantismo, a falta de información e diálogo, o desprezo á poboación do noso Distrito Sanitario etc. dámonos conta de que non queda outra que seguir manifestándonos nas rúas como acto colectivo dunha cidadanía que reclama os seus dereitos, o seu dereito a unha protección da saúde próxima e de calidade”.
De aí que tanto BNG como PSdeG-PSOE entenden que o Concello da Rúa debe facer “un posicionamento público apoiando as reivindicacións da Plataforma Sanitaria de Valdeorras”, propoñendo para o seu debate e votación no Pleno Municipal “Manifestar o apoio deste Concello á mobilización convocada pola Plataforma Sanitaria de Valdeorras para o vindeiro 17 de outubro no Barco de Valdeorras, facendo un chamamento a participar nela á cidadanía para defender a sanidade pública”.
Por partte do BNG, presentaba a moción a portavoz municipal e alcaldesa da Rúa, María González Albert.
Fotos e vídeos: O SIL.