Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

Modifícase o trazado nos quilómetros máis altos do Quiroga Trail Challenge ante as complicadas previsións meteorolóxicas

Foto cedida organización do Quiroga Trail Challenge.

 

Esta fin de semana celebrarase o Quiroga Trail Challenge. Ante as complicadas condicións meteorolóxicas previstas a organización decidía modificar o trazado nos quilómetros máis altos das carreiras máis longas e tamén o lugar de saída de todas as carreiras, que será o pavillón municipal. Así na modalidade ultra de 90 kms anúlase o Pico Pía Paxaro (chegando a base pero sen subir a cima) e o tramo do Pico Formigueiros; e na ultra de 70 kms suprímese tamén o Pico do Pía Paxaro, mantendo o percorrido ata a súa base, tal e como vén de facer público o Concello de Quiroga.

A organización tomou esta decisión “pola posibilidade de non garantir a seguridade dos corredores nas cristas destas dúas cumes debido ao prognóstico de ventos en altura e de nevadas desde a noite do xoves ata o sábado, o que podería imposibilitar o acceso en vehículos á zona en caso de ser preciso. Por estas condicións de moi baixas temperaturas con sensacións térmicas aínda máis baixas tamén se reforza o material obrigatorio que deben portar os corredores”.

Malia a estas puntuais modificacións, quedan fervenzas, montañas, devasas e quilómetros e quilómetros de camiños e carreiros polos que pasará o Quiroga Trail Challenge que este ano chega a súa décima edición. Con 1235 inscritos -cifra superior a do pasado ano- con representación de 36 provincias de toda a península, con 270 corredores de fora de Galicia e incluso con participantes de fora de España, preséntase o Quiroga Trail máis duro, destacan dende o Concello de Quiroga. Trátase dunha carreira xa de por si difícil e agora complícase aínda máis coas condicións meteorolóxicas previstas, no ano do seu décimo aniversario.

O Quiroga Trail Challenge ten dúas partes, o Trail do Castelo que se desenvolve mañá sábado con cinco distancias: a ultra de 82 km tras os recortes, a ultra de 70 km, a maratón de 42 km, o trail de 29 km e o minitrail de 17 km; e o Trail do Lor, o domingo 25 de febreiro, con dúas distancias: o trail de 29 km e o minitrail de 16 km.

Case 190 voluntarios axudarán nesta proba máis atentos ca nunca para que os corredores que se enfrontan a esta dura proba podan facelo coa maior seguridade e gozando e descubrindo a xeoloxía, a arqueoloxía, a flora e a fauna do Xeoparque Montañas do Courel.

Artigos relacionados

Back to top button