CulturaCulturaÚltima hora

Mofa e Befa estarán o sábado no Carballiño coa peza teatral “Os Dous de Sempre”

 

O Auditorio Manuel María do Carballiño recibe este sábado, 21 de marzo, ao dúo cómico Mofa e Befa coa peza teatral Os Dous de Sempre, baseada na obra homónima de Alfonso R. Castelao.

A recoñecida parella artística, formada hai 30 anos polos actores Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, interpretará sobre o escenario a Pedriño e Rañolas, os dous personaxes antagónicos, extremos e contraditorios creados polo ilustre dramaturgo galego. Xunto a Mofa e Befa estará o actor Josito Porto, cuxo papel o fixo finalista dos XXX Premios de Teatro María Casares 2026 ao mellor actor secundario.

A peza teatral, dirixida por Quico Cadaval e producida por Producións Teatrais Excéntricas, está a percorrer a xeografía galega con moi boa acollida entre o público e a crítica profesional. Diego Fernández, concelleiro de Cultura, convida á poboación do Carballiño e do resto da provincia a achegarse ao Auditorio. “É unha proposta de moita calidade con actores cunha longa traxectoria”, resalta.

As entradas para o espectáculo custan 5 euros e pódense recoller antes da función no despacho de billetes do propio Auditorio. A representación comeza ás 20 horas.

 

Back to top button